A obra nova toma impulso na Boa Vila mentres a rehabilitación perde protagonismo

Pontevedra
09 de febreiro 2026

Para 2026, os expertos prevén un sector da construción activo, con aumento de custos e crecemento da obra nova fronte á rehabilitación

Edificios en construción en Valdecorvos

A construción de vivenda nova empeza a despuntar en Pontevedra e a súa área de influencia, desprazando aos poucos á rehabilitación, que fora protagonista nos últimos anos.

Segundo datos do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo), en 2025 tramitáronse 279 expedientes de obra nova, fronte aos 276 de 2024, elevando o seu peso sobre o total de actuacións por encima do 30%. Pola contra, os expedientes de rehabilitación caeron un 10,2%, até 607.

O presidente do Coatpo, Manuel Rañó, sinala que o cambio de tendencia é evidente xa que a vivenda nova está a tomar a substitución, mentres que a rehabilitación enerxética impulsada por fondos europeos perde forza.

O delegado en Pontevedra, Ricardo Sobral, destaca o impulso de novas promocións, especialmente de vivenda protexida, grazas á colaboración entre Concello e Xunta e á xeración de solo. "A rehabilitación, que foi e seguirá sendo estratéxica para unha cidade histórica como Pontevedra, perde o protagonismo dos últimos anos, nos que foi incentivada por fondos da Unión Europea", afirma.

Os orzamentos tamén reflicten este cambio. O Presuposto de Execución Material (PEM) medio por proxecto situouse en 226.875 euros, un 11% máis que en 2024, impulsado polo encarecemento de materiais, salarios e a crecente demanda de obra nova. O total de PEM da provincia alcanzou os 201 millóns de euros, un aumento do 3,3% respecto ao ano anterior.

Durante 2025 iniciáronse en toda a provincia 736 vivendas unifamiliares, un 41,5% máis que en 2024, e 54 edificios que albergarán 1.625 vivendas, fronte aos 47 edificios e 1.430 vivendas do ano previo.

Neste ano 2026, os profesionais prevén un sector activo, con máis obra nova e custos en aumento.

Rañó advirte que a falta de persoal cualificado segue sendo un lastre e subliña a necesidade de axilizar trámites, coordinar políticas públicas e reforzar a colaboración público-privada para equilibrar o mercado e responder á demanda de vivenda asequible.