Os ambulantes rexeitan o retorno a Rafael Areses e estudan iniciar actos de protesta

Pontevedra
20 de xullo 2023

Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica, mantiña un encontro na tarde deste mércores para recoller as opinións dos feirantes. Segundo Margarita González, presidenta da Asociación Galega de Ambulantes Autónomos, non se lles ofreceu unha alternativa á instalación dos postos á rúa que bordea o Pazo da Cultura, espazo que rexeitan

Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica, conversa con Margarita González, presidenta dos Ambulantes Autónomos
Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica, conversa con Margarita González, presidenta dos Ambulantes Autónomos / Concello de Pontevedra

Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica, iniciaba este mércores a rolda de contactos con diversos colectivos e asociacións da cidade para escoitar diferentes opinións sobre a instalación do mercado ambulante.

A última hora da tarde mantiña un encontro con representantes da Asociación de Ambulantes Autónomos para buscar solucións ao conflito aberto, unha vez que o goberno local decidiu trasladar o mercado ambulante a Rafael Areses a partir deste sábado 29 de xullo con motivo das actividades que se van a desenvolver durante o verán na Alameda, recinto onde se celebraba a feira desde finais de abril.

Os vendedores néganse a ese traslado e anuncian que suspenden a celebración da feira durante o vindeiro 29 de xullo. Piden permanecer na Alameda durante todo o ano, agás en ocasións especiais nas que demandan o traslado a outra zona do centro da cidade e non á rúa que bordea ao Pazo da Cultura, ao entender que esa localización prexudícalles economicamente, segundo indica Margarita González, presidenta do colectivo.

Os feirantes estudan a opción de iniciar protestas #ante esta situación e demandan o apoio dos diferentes colectivos e clientes. Desde o sábado 22 de xullo están a recoller firmas en contra do traslado.

Pola súa banda, a concelleira Anabel Gulías indica que o Concello "sempre estará aí para escoitar e buscar as solucións que máis beneficien á cidade". Está previsto que a concelleira se reúna durante este xoves con praceiras do Mercado de Abastos, con representantes de Hoempo e con distintos comerciantes e hostaleiros do centro histórico coa intención de obter outras impresións.