O Concello de Cerdedo-Cotobade e as comunidades de montes acaban de crear unha comisión na que tamén participen técnicos municipais para facer seguimento á reactivación de varios proxectos eólicos e a proliferación de iniciativas empresariais para instalar aeroxeradores nos montes do municipio.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou este domingo a creación desta comisión no transcurso dunha xuntanza mantida con representantes veciñais de Rebordelo, Loureiro, Carballedo e Borela.
Segundo anunciou o Concello a través dun comunicado, Cubela ten previsto manter contacto cos voceiros dos distintos grupos da oposición co fin de convidalos a formar parte desta iniciativa.
Este vindeiro venres 23 de abril Cubela manterá unha nova xuntanza cos veciños e a comunidade de montes de Cuíña, na parroquia de Quireza, no territorio de Cerdedo. Será ás 20.00 horas.
Cubela recoñeceu que está "realmente preocupado" con este tema e explicou que o seu obxectivo é "defender os intereses dos veciños e dos lugares por terra, mar e aire" e intercambiar información puntual e exhaustiva.
O rexedor explicou aos representantes veciñais que leva varios días reuníndose con comunidades de montes para explicarlles o posicionamento do Concello sobre este tema e trasladarlles as razóns que o impulsaron á presentación de alegacións ao parque eólico 'Campo das Rosas'. Solicita a súa paralización ao detectarse importantes eivas e deficiencias, segundo se recolle no informe elaborado pola técnica municipal en medio ambiente.
O alcalde tamén confirmou a existencia dun proxecto eólico no Monte do Pé e Coto, que afecta aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa e ten a súa tramitación moi pouco avanzada.