Os traballadores de Cleanet seguen sen cobrar tres nóminas e farán folga o luns

Pontevedra
26 de decembro 2014

O paro afectará á Escola Naval de Marín, ao cuartel da Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) e á residencia militar e es instalacións deportivas de Campolongo. O persoal de Cleanet concentrarase nas instalacións deportivas a partir das 10.00 horas para partir en manifestación ata a Subdelegación do Goberno español, a onde teñen pensado chegar arredor das 11.30 horas

Protesta dos traballadores de Cleanet ás portas da Subdelegación de Defensa Mónica Patxot

Os traballadores da empresa Cleanet, adxudicataria da limpeza das dependencias militares da comarca de Pontevedra, segue sen cobrar os tres salarios que tiñan pendentes e continúa coas súas reivindicacións. A próxima será este luns 29 de decembro e consistirá nunha xornada de folga. Xa convocaran unha no mes de outubro, pero desconvocouse no último momento

O persoal aproveitará a xornada para realizar unha concentración diante da Subdelegación do Goberno e manifestarse polas rúas da cidade para reclamar o pago dos tres salarios pendentes, segundo informou o sindicato CIG.

O paro afectará á Escola Naval de Marín, ao cuartel da Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) e á residencia militar e as instalacións deportivas de Campolongo. O persoal de Cleanet concentrarase nas instalacións deportivas a partir das 10.00 horas para partir en manifestación ata a Subdelegación do Goberno español, a onde teñen pensado chegar arredor das 11.30 horas.

Con posterioridade, ás 12.00 horas, levarán a cabo unha asemblea no local da CIG da rúa Pasantería para decidir as próximas mobilizacións para reclamar o pago das tres mensualidades pendentes. Dende a federación de Servizos da central nacionalista denuncian que continúan sen "saber nada" nin da empresa nin do Ministerio de Defensa, responsables dun conflito laboral que xa motivou a convocatoria de paros con anterioridade.