Papel de xornal para recrear os Reis Magos no Multiusos da Lama

A Lama
01 de xaneiro 2026

Nenos e nenas do municipio aprenderon papiroflexia nun obradoiro para crear figuras orixinais para estas datas festivas con xornal como acto previo á cabalgata de Reis prevista para o sábado 3

Reis Magos elaborados con papel na Lama Concello da Lama

A creatividade chegou á Lama estes días cun obradoiro de papiroflexia organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).

Nenos e nenas, acompañados polas súas familias, aprenderon no Multiusos a dobrar e recortar papel de xornal para dar vida a simpáticos Reis Magos cos que decorar os fogares mentres agardan pola visita das Súas Maxestades de Oriente.

A xornada destacou polo bo humor e pola implicación dos máis pequenos, que se converteron nos auténticos protagonistas da tarde, tanto no proceso de creación como nos xogos organizados.

Á espera dos Reis Magos, o Concello propón así unha actividade diferente para compartir tempo en familia e fomentar a creatividade durante as festas.

Participantes na actividade de papiroflexia na LamaConcello da Lama

A cabalgata de Reis da Lama adiántase ao sábado 3 de xaneiro, ás 17:30 horas.

Chegarán en sidecar e está prevista unha recepción real no Centro Multiusos.

Tamén está prevista unha chocolatada e a posibilidade de obter unha fotografía de recordo da visita de Melchor, Gaspar e Baltasar, mantendo a tradición e a ilusión de cada Nadal.

Arquivado en