'Paremos o saqueo', lema da CIG para a manifestación do 1º de maio reivindicando a acción sindical de "confrontación"

Pontevedra
27 de abril 2023

O sindicato nacionalista iniciará a marcha o luns 1 de maio na Praza da Ferrería ás 11.30 horas para concluír na Praza do Teucro. En Vilagarcía, a manifestación comezará na Casa do Mar á mesma hora. A central considera que a mobilización é a resposta ante a alza de prezos e o deterioro das condicións de vida dos traballadores

Diana Rodríguez e Marcos Conde, da CIG
Diana Rodríguez e Marcos Conde, da CIG / Mónica Patxot
Motivos da CIG para manifestarse o 1º de maio /

"A situación que estamos denunciando é de absoluta gravidade, non só no ámbito laboral senón social", afirmou Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, na presentación da manifestación do 1º de maio que ofreceu xunto a Diana Rodríguez, integrante da executiva comarcal do sindicato nacionalista. 

Os representantes da CIG afirman que o concepto de "traballador pobre" veu para quedar e que, nunha inmensa parte da poboación, tanto o persoal laboral como as persoas xubiladas viven nunha precariedade absoluta. Afirman que a reforma laboral deu por bo o despedimento libre, o "despido barato", e en lugar de mellorar a contratación indefinida estendeuse o contrato fixo descontinuo de maneira "brutal" coa normalización do despedimento de traballadores indefinidos e sen estabilizar o emprego. 

En canto ás pensións, a CIG critica o aplauso que recibiu a reforma por parte das mesas de diálogo cando se "confirma que a xubilación vai a 67 anos e o cómputo vai a 20 anos", denuncia Marcos Conde, alertando de que os traballadores que se xubilen agora terán pensións inferiores aos de anos previso. Advirte, ademais, de que numerosas traballadoras atoparanse coa imposibilidade de alcanzar o tope de anos para obter unha xubilación parcial.

Diana Rodríguez mostrou a súa preocupación polo "secuestro" da negociación colectiva por parte da patronal e pola actitude de UGT e CCOO nas mesas de diálogo imposibilitando recuperar o poder adquisitivo dos salarios. "Ter traballo hoxe en día non significa ter ingresos dignos", expuxo. 

Indicou tamén que a partir de 2020 multiplicáronse por catro os contratos temporais e os fixos descontinuos e que a Inspección de Traballo detectou 27.000 contratos fixos descontinuos en fraude de lei. Por iso sinalou a importancia da negociación dos convenios que deben afrontarse neste 2023 como o de ambulancias, limpeza, alimentación, hostalería, oficinas e despachos.

"A mobilización e saír á rúa coa CIG é un inicio para recuperar o poder adquisitivo perdido durante estes anos", apuntou Diana Rodríguez.

Marcos Conde: "hai traballadores estables, fixos, que non chegan a fin de mes"

A estes condicionantes laborais súmase a carestía da vida e o incremento dos prezos durante os últimos anos provocando que sexa moi complicado chegar a fin de mes, expón Conde ao asegurar que "hai traballadores estables, fixos, que non chegan a fin de mes. A compra no supermercado fíxose imposible".

Culpa desta situación ao Goberno do Estado por manter a liña marcada pola Unión Europea que está ao "ditado das grandes corporacións contrarias á clase traballadora" e tamén critican a xestión da Xunta "desaparecida na busca de solucións" lembrando que a administración autonómica ten competencias en política industrial, máis aló do turismo e do Xacobeo. Neste sentido, Marcos Conde lamentou a espoliación dos recursos naturais de Galicia, tanto eólicos como enerxéticos.

Por este motivo, desde a CIG sinalan que é necesario saír á rúa destacando que os "propios traballadores temos que darnos conta de que cando nos mobilizamos conseguimos cambios e avanzar", facendo un chamamento a participar na manifestación que en Pontevedra comezará ás 11.30 horas do luns 1 de maio na praza da Ferrería e finalizará na Praza do Teucro.

En Vilagarcía, a manifestación da central nacionalista tamén comezará ás 11.30 horas da Casa do Mar e na Estrada está prevista ás 12.00 horas na Praza do Mercado. 

DIVISIÓN SINDICAL

Sobre a división sindical que se producirá este ano con catro manifestacións distintas durante esa xornada na capital, Marcos Conde aclarou que a CIG ten unha liña sindical moi diferenciada de CCOO e UGT, centrais que tamén convocan dous actos separados, a diferenza dos últimos anos. 

"Nós vamos de forma unitaria na negociación colectiva ou conflitividade onde a liña é común, pero o que non facemos é perder o tempo en cambalaches nin en historias. Nós temos a nosa forma de actuar", argumentou o secretario comarcal da CIG.

"A suba do salario incrementouse un 5,7 en Galiza, case dous puntos máis que no resto do Estado o ano pasado, pola acción sindical, e o dicimos con orgullo, de confrontación", sentenció Marcos Conde en defensa das propostas do seu sindicato.