Patrimonio dá luz verde ao proxecto básico de rehabilitación de Santa Clara

Pontevedra
21 de agosto 2024

 O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, anunciou este mércores que, grazas ás negociacións mantidas coa empresa gañadora do concurso, alcanzáronse acordos fundamentais que garantirán a preservación do patrimonio histórico e a integración harmónica do recinto na contorna. Solicitouse a licenza de obra ao Concello de Pontevedra, que deberá responder nun prazo máximo de tres meses

Rafa Domínguez, vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra Cristina Saiz

A Deputación de Pontevedra deu un paso importante no proxecto de rehabilitación do antigo convento de Santa Clara, tras recibir o "ok" de Patrimonio ao proxecto básico presentado polo estudo arquitectónico Nieto Sobejano.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, anunciou este mércores que, grazas ás negociacións mantidas coa empresa gañadora do concurso, se alcanzaron acordos fundamentais que garantirán a preservación do patrimonio histórico e a integración do recinto na contorna.

Entre as melloras acordadas, destaca a eliminación do Centro Arqueolóxico proxectado inicialmente, unha proposta que, segundo Domínguez, "vandalizaba a zona verde do convento e non permitía o acceso público a estes espazos naturais".

En lugar de construír o centro no corazón de Pontevedra, a solución proposta situará o almacén noutro lugar, respectando así a integridade dos xardíns históricos, explicaba Domínguez.

A firma arquitectónica comprometeuse a adaptar o proxecto para que este novo espazo cumpra cos obxectivos de xestión, conservación e documentación, ao tempo que preserva a zona verde existente, segundo explicou o vicepresidente provincial.

Ademais, abordouse a revisión de elementos arquitectónicos existentes no recinto, co obxectivo de minimizar as intervencións que poidan afectar o valor histórico do conxunto.

"A destrución de construcións de épocas pasadas só se considerará adecuada se é esencial para a correcta interpretación histórica e cultural do Museo", afirmou Domínguez.

Esta medida busca garantir un respecto máximo ao edificio e a súa contorna histórica, asegurando que calquera intervención sexa o menos invasiva posible, indican desde o goberno provincial.

Outro punto clave das negociacións foi a revisión do acceso ao convento, en particular a dimensión da marquesiña proxectada na entrada dende a praza de Barcelos.

A Deputación solicitou unha revisión deste elemento para evitar que destaque en exceso sobre os edificios orixinais, propoñendo un estudo máis detallado das preexistencias na zona.

Rafa Domínguez: "Este proxecto é unha aposta firme pola preservación do noso patrimonio e pola integración da modernidade nunha contorna histórica"

A empresa aceptou reflexionar sobre este aspecto para garantir unha integración no espazo co estudo dunha rebaixa do tamaño.

Por último, Rafa Domínguez destacou que, a maiores destes acordos, a Deputación xa solicitou a licenza de obra ao Concello de Pontevedra o pasado 22 de xullo.

O Concello dispón de tres meses para dar unha resposta. Cando se licite o proxecto será cando se volva revisar economicamente a proposta inicial de 21,5 millóns de euros previstos para executar a obra.

"Este proxecto é unha aposta firme pola preservación do noso patrimonio e pola integración da modernidade nunha contorna histórica", subliñou o vicepresidente, quen tamén agradeceu a colaboración de todas as administracións implicadas: Deputación, Xunta e Concello de Pontevedra.

Segundo Domínguez, o proxecto de Santa Clara vai a "bo ritmo" e, cando se execute, situará a Pontevedra como un epicentro cultural e histórico a nivel internacional que atraerá a numerosos visitantes.