Pechan a Avenida da Coruña ao tráfico para avanzar na súa reordenación

Pontevedra
06 de setembro 2020

Só residentes e servizos teñen permitido o paso pola Avenida da Coruña. Todo o tráfico de paso quedou restrinxido para poder avanzar nas obras que se están a executar para reordenar a rúa e integrar o barrio do Burgo no modelo urbano de Pontevedra

Obras na Avenida da Coruña Concello de Pontevedra

Só residentes e servizos teñen permitido o paso pola Avenida da Coruña. Todo o tráfico de paso quedou restrinxido para poder avanzar nas obras que se están a executar para reordenar a rúa e integrar o barrio do Burgo no modelo urbano de Pontevedra.

O tráfico está cortado concretamente entre o estadio de Pasarón e a ponte do Burgo, treito onde se están a centrar actualmente os traballos.

O obxectivo é eliminar o tráfico innecesario e limitalo ao estritamente preciso para o funcionamento do barrio e ao mesmo tempo priorizar a mobilidade peonil.

En concreto, o proxecto consiste en inverter o acceso á Avenida da Coruña, que se fará dende a ponte do Burgo cara Juan Bautista Andrade 

Para iso hai que cambiar tamén o sentido de circulación do treito de Luís Otero e Leonardo Enríquez, que rodea o campo de Pasarón que xa ten saída cara a rotonda da avenida de Compostela e do segundo treito da Rúa da Santiña, a partir de Valentín Paz Andrade, de xeito que quede de sentido único de saída da cidade.

O treito histórico da Rúa da Santiña, o máis próximo á ponte do Burgo, quedaría de dobre sentido, ao igual que todas as rúas do centro histórico da cidade.

Todos estes cambios implican pequenas obras para cambiar de lugar a zona de estacionamentos de tal xeito que quede situada á man dereita, segundo o novo sentido de circulación. 

Esta actuación ten un custe de case 192.000 euros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora