O Pleno provincial aproba por unanimidade o plan Vía Depo para o arranxo de estradas locais

Pontevedra
24 de abril 2026

A sesión plenaria arrincou coa aprobación dunha modificación de crédito de 8,1 millóns de euros procedentes de remanentes de tesouraría.

Pleno de la Deputación Deputación de Pontevedra

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres por unanimidade as bases e a dotación económica do primeiro plan extraordinario Vía Depo, dotado con 8 millóns de euros e destinado aos 59 municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia.

O programa busca financiar obras de reparación e mellora da rede viaria municipal danada polos temporais do inverno.

O acordo saíu adiante sen votos en contra, aínda que o portavoz do grupo provincial do BNG, César Mosquera, expresou críticas sobre os criterios de adxudicación das axudas.

A pesar de apoiar a iniciativa, cuestionou que este plan "penaliza" aos concellos previsores ante os danos dos temporais e criticou a priorización do goberno provincial por asinar convenios cos concellos nos que o PP está na Alcadía.

A sesión plenaria arrincou coa aprobación dunha modificación de crédito de 8,1 millóns de euros procedentes de remanentes de tesouraría.

Esta partida permitirá financiar o propio plan Vía Depo, ademais doutras actuacións como o patrocinio dunha etapa de La Vuelta Femenina na provincia, a organización da primeira Bienal de Artes Vivas e diversas obras no polígono industrial de Barro-Meis.

Pleno provincial Deputación de Pontevedra

Tamén se deu luz verde, igualmente por unanimidade, a dous proxectos de mellora de estradas provinciais: a EP-8101 entre Portas e Romai e a EP-6004 entre Prado e Vilatuxe, no municipio de Lalín.

No apartado de mocións, saíu adiante co apoio do PP e do BNG e a abstención do PSOE unha iniciativa do grupo popular que reclama ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a extensión da conexión de Internet de alta calidade á totalidade da poboación da provincia, así como a implantación completa da rede 5G en todo o territorio.

Con todo, foron rexeitadas dúas propostas do PSOE relacionadas coa limpeza de ríos e a mellora da estrada EP-2401 no Porriño, así como unha moción do BNG en defensa da paz e contra o militarismo.

Pleno provincial Deputación de Pontevedra

Esta última moción xerou un cruzamento de reproches entre grupos, despois de que os nacionalistas criticasen a "contradición" dos socialistas por defender o 'Non á guerra' mentres aumenta o gasto militar e asume en Vigo o desfile do Día das Forzas Armadas "para exaltar o militarismo".

A sesión deixou ademais unha anécdota política protagonizada polo grupo socialista que rexeitou aprobar a acta do pleno anterior ao non estar conforme con que se recollesen os nomes dos deputados e o sentido individual dos seus votos no plenario anterior, no que se produciu división interna nas filas socialistas respecto ao Plan Extra.