A feira regresou este mércores a Ponte Caldelas, pero fíxoo aínda dunha maneira tímida.
Na primeira xornada de mercado ambulante desde a entrada no estado de alarma, só puideron instalarse no entorno da Alameda postos de alimentación e de produtos da horta.
Desta forma dos preto dun cento de postos habituais só doce ocuparon o seu lugar.
Fixérono ademais no medio das medidas de prevención habilitadas. Así, o recinto estaba delimitado por valos con control de acceso e aforo.
Ademais todos o que acudiron á feira tiveron que facelo equipados con máscara e pasando previamente por un posto desinfectante de mans instalado nos puntos de acceso. Por último, sinalou o Concello de Ponte Caldelas, levaron a cabo controis de temperatura de maneira aleatoria.