Pontevedra réndese ante os Reis Magos… e ao colorido dos seus novos traxes

Pontevedra
05 de xaneiro 2026
Actualizado: 20:01

Desde o balcón da Casa Consistorial, os Reis dirixíronse a grandes e pequenos pedindo que "nunca deixedes de soñar!". Ademais, confirmaron que viñan cargados de agasallos

Recepción aos Reis Magos

Os Reis Magos chegaron este luns ao concello de Pontevedra subidos a modernos vehículos eléctricos, elegantemente decorados con enormes coroas reais, demostrando que a maxia tamén pode ser sostible.

Nin sequera faltaron os camelos, que desafiaron o frío nunha mañá na que a ilusión se protexía con gorro, luvas e bufanda.

A expectación foi tal que a ringleira para saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar alargouse pola avenida de Montero Ríos, nunha procesión de sorrisos, nervios e ollos ben abertos.

E si alguén pensaba que os Reis repetirían vestiario, equivocábase pois este ano estrearon traxes novos. Melchor apostou polo branco e azul, cores da provincia; Baltasar sorprendeu de rosa, e Gaspar decantouse polo granate, nunha chiscadela ao club de fútbol da cidade.

O ceo encheuse de confeti e papeluchos nunha mañá cargada de emoción e alegría, mentres o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, daba a benvida oficial ás súas Maxestades.

Desde o balcón da Casa Consistorial, os Reis dirixíronse a grandes e pequenos cunha mensaxe directa ao corazón, "nunca deixedes de soñar!", pediron. Ademais, confirmaron que viñan cargados de agasallos e confesaron que o que máis lles gusta é escoitar o propósito estrela dos máis pequenos: portarse mellor.

A maxia continuará esta tarde co seu paseo triunfal pola Boa Vila. A partir das 18.00 horas, a cabalgata partirá da Avenida de Lugo e percorrerá o centro da cidade até a Alameda, acompañada por máis dunha ducia de agrupacións, seis carrozas e un aluvión de 2.000 caramelos.

Como curiosidade, este ano a recepción real celebrouse no salón de plenos da Casa Consistorial, estreando escenario, xa que o ano pasado tivo lugar no vestíbulo. Un pequeno cambio para unha visita que, como sempre, deixa unha gran pegada de ilusión en Pontevedra.

 

Arquivado en