Pontevedra terá nova ordenanza de terrazas e de protección animal

Pontevedra
27 de xaneiro 2017

Na corporación municipal tamén hai puntos de encontro. Dúas mocións, presentadas respectivamente por Partido Popular e Marea, lograron poñer de acordo a todos os grupos políticos. Grazas a esta unanimidade, Pontevedra contará cunha nova ordenanza para regular as terrazas e veladores e cunha normativa sobre protección animal

Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra
Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra / Mónica Patxot

Na corporación municipal tamén hai puntos de encontro. Dúas mocións, presentadas respectivamente por Partido Popular e Marea, lograron poñer de acordo a todos os grupos políticos. Grazas a esta unanimidade, Pontevedra contará cunha nova ordenanza para regular as terrazas e veladores e cunha normativa sobre protección animal.

Con respecto á primeira delas, iniciativa do PP, o acordo coñeceuse antes da sesión plenaria. O goberno municipal anunciou hai uns días que, en breve, comezarían os contactos co sector para actualizar unha ordenanza vixente de 1997 e que se quedou claramente desfasada desde entón.

Iso si, Carme da Silva advertiu ante o pleno que esta nova regulación non se acordará unicamente cos hostaleiros, senón que os contactos incluirán a outros colectivos veciñais, empresariais ou sociais que se consideren parte interesada neste proceso de actualización.

Os populares explicaron que coa nova ordenanza búscase garantir a seguridade, persoal e xurídica, dos hostaleiros, dos veciños e do propio concello. Reclamou ademais que o Concello póñase "manos a la obra" para comezar a redactar este regulamento e acordalo cos afectados.

Así, a nova ordenanza deberá regular a ocupación do espazo público, atendendo ás especiais características das diferentes áreas urbanas, os horarios de montaxe e recollida, os criterios estéticos e a publicidade ou elementos novos que non están regulados como os peches estables, as estufas e os espazos interiores abertos cara á rúa.

ORDENANZA DE PROTECCIÓN ANIMAL

Marea foi a encargada de trasladar ao pleno a necesidade de que Pontevedra conte cunha ordenanza específica de protección animal e convivencia, en cuxa redacción entenden que deben participar os servizos municipais correspondentes e as entidades protectoras de animais que desempeñar o seu labor na cidade.

Na proposta, que tamén contou coa unanimidade de todos os grupos políticos, Marea sinalaba a necesidade de regular as obrigacións dos propietarios de animais domésticos, a redacción dun protocolo de atención ante os abandonos, a convivencia cos animais nos espazos públicos ou as campañas de sensibilización nesta materia.