O Portonovo Gastronómico, aprazado para o 9, 10 e 11 de maio pola chuvia

Sanxenxo
30 de abril 2025

A programación da cita, ademais da parte gastronómica, conta con actuacións musicais e actividades ao aire libre que non se poderían realizar con choiva

Portonovo Gastronómico 2024 Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo, en coordinación con locais de hostalería e os colectivos implicados na festa, acordou aprazar a celebración de Portonovo Gastronómico.

O motivo, as previsións de choiva para esta fin de semana.

A programación da cita, ademais da parte gastronómica, conta con actuacións musicais e actividades ao aire libre que non se poderían realizar con choiva, así como a entrega da Raia de Ouro nos xardíns da Casa Mariñeira.

Debido a este imprevisto, Portonovo Gastronómico aprazarase ata a fin de semana do 9,10 e 11 de maio coas actividades xa previstas.

A terceira edición desta cita contará coa colaboración de dezanove locais de hostalería e a implicación de colectivos como Ollares, Os Gatiños, Lembranzas, Amigos da Dorna, la Coral Polifónica, Mulleres Rurais, comisión de festas, colectivo de veciños e asociación de xubilados.

Cada local ofrecerá dúas tapas a un prezo de cinco euros que se irán selando e que permitirá a participación nun sorteo de estancias e comidas por valor de 50 euros. O sorteo realizarase o domingo ás 16:00 horas.

Os rostros dos veciños de Portonovo volverán lucir en Rafael Picó cunha gran exposición realizada por Ollares de Portonovo, que utilizando a intelixencia artificial quixo comparar fotos antigas en branco e negro coas súas versións xa coloreadas.

Ademais, o domingo 11 de maio celebrarase a entrega da Raia de Ouro na Casa Mariñeira de Don Fernando. A persoa homenaxeada será Manuel Deza "Xanelo".

A programación de Portonovo Gastronómico, xunto coas propostas culinarias dos restaurantes participantes, pode consultarse nesta ligazón.