O PP celebra os 15 anos de alcalde de Jorge Cubela

Cerdedo Cotobade
23 de maio 2026

O PPdeG celebrou en Cerdedo-Cotobade un acto no que destacou a xestión de Jorge Cubela e o papel dos alcaldes novos do partido

Xantar do PP en San Xurxo PP de Galicia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, puxo en valor este sábado a "enerxía" e o "talento" dos 15 alcaldes populares menores de 40 anos que gobernan en municipios galegos, durante un acto celebrado na Carballeira de San Xusto no que se reuniu a militancia do partido.

Nun xantar con máis de 800 asistentes, Prado tomou como exemplo o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, ao que definiu como "o mozo das maiorías absolutas e auténtico veterano a pesar da súa xuventude".

A dirixente popular salientou a súa traxectoria política e cualidades como a valentía, o rigor, a estabilidade e a política de escoita activa.

Cubela accedeu á Alcaldía en 2011 con 22 anos, converténdose entón no rexedor máis novo de España. Segundo o PPdeG, a súa xestión representa un modelo de continuidade e consolidación política no municipio.

No mesmo acto participaron tamén o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López; a secretaria provincial, Luisa Piñeiro; e os conselleiros María Martínez Allegue, responsable de Vivenda e Infraestruturas, e Román Rodríguez, titular de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Durante a súa intervención, Prado incidiu na "dificultade" de acadar maiorías absolutas e apelou á militancia a "intensificar esforzos" de cara ás eleccións municipais de 2027 co obxectivo de manter gobernos estables e ampliar resultados electorais.

Pola súa parte, o presidente provincial, Luis López, destacou o 15º aniversario da chegada de Cubela á Alcaldía e cualificou a súa etapa de goberno como "a maior transformación da historia do municipio", subliñando a realización de investimentos e a atención aos servizos municipais.

Ademais, amosou a súa confianza en que o rexedor revalide a maioría absoluta nos próximos comicios.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade agradeceu o apoio recibido durante estes quince anos e destacou o proceso de fusión municipal, que cualificou como "produtivo" e que, segundo indicou, permitiu mellorar infraestruturas, equipamentos e servizos no territorio.