Protesta do persoal da empresa concesionaria do servizo de augas ante o bloqueo do convenio

Pontevedra
11 de xuño 2026
Actualizado: 12:37

O cadro de persoal, a través da CIG, denuncia a falta de cobertura de baixas e esixe unha subida salarial ligada ao IPC que a multinacional rexeita por "competitividade"

Protesta dos traballadores de Veolia por un convenio digno

Os traballadores de Veolia (anteriormente Viaqua), empresa concesionaria do servizo municipal de augas de Pontevedra, saíron á rúa este xoves para amosar o seu rexeitamento ante o bloqueo que sofren as negociacións do convenio colectivo autonómico.

O persoal concentrouse inicialmente ás 10:00 horas ante as oficinas da compañía na rúa Padre Sobreira, para posteriormente trasladar a súa protesta ás portas do Concello de Pontevedra.

Esta xornada de protesta, convocada polo comité intercentros e apoiada polo sindicato CIG, estendeuse de xeito simultáneo a outras localidades galegas con centros principais da firma, como Ourense, Santiago de Compostela e Fene, co obxectivo común de rexeitar a postura económica da dirección.

O delegado de persoal en Pontevedra, Xosé Antonio Campos, explicou que o diálogo social atópase roto tras un total de oito encontros.

Xosé Antonio Campos, delegado da CIG en VeoliaAntía Quinteiro García

Segundo sinalou o representante dos traballadores, as primeiras seis reunións non deron froito e, despois de que o persoal desenvolvera medidas de presión coa colocación de pancartas, a dirección convocou dous encontros máis que non serviron para achegar as posturas de xeito xusto para todo o cadro de persoal.

As principais demandas laborais céntranse en frear o que consideran unha precarización do servizo.

Concentración dos traballadores de Viaqua por un convenio dignoAntía Quinteiro García

O colectivo reclama o mantemento do poder adquisitivo a través da subida salarial vinculada ao IPC, unha condición que a patronal rexeita.

A maiores, Campos denunciou a falta de cobertura das baixas e das vacacións, unha situación que obriga a que os propios compañeiros asuman a carga de traballo, traballando con niveis equivalentes a servizos mínimos en moitas explotacións do grupo.

En Pontevedra, esta conxuntura afecta a un cadro de persoal composto por uns 70 empregados.

Pola súa parte, o comité intercentros cualificou de "inflexible" a actitude da dirección de Veolia-Viaqua.

Protesta dos traballadores de Veolia por un convenio dignoAntía Quinteiro García

A representación sindical critica que a multinacional xustifique a súa negativa a mellorar as condicións laborais alegando que os actuais salarios dificultan a súa competitividade á hora de concorrer aos concursos públicos, un argumento que os representantes cualifican de "inaceptable".

Os traballadores engaden que noutras empresas do mesmo grupo empresarial están a asinar acordos que inclúen melloras que a eles se lles negan.

Ante este escenario, o representante sindical apuntou que o cadro de persoal estudará a convocatoria dunha folga se a situación non muda.

Campos advertiu que tomarán esa vía se non dispoñen de outra alternativa. O calendario de protestas determinarase este venres nunha nova reunión de seguimento onde se avaliarán os seguintes pasos a dar.

RESPOSTA DESDE O CONCELLO

Eva Vilaverde, alcaldesa accidental de Pontevedra, manifestaba este mesmo xoves a preguntas xornalísticas que as protestas forman parte do proceso de negociación colectiva en que os traballadores "defenden lexitimamente os seus dereitos e intereses respecto á empresa".

A responsable municipal indicou que "nós respectámolo. Teñen que defender os seus intereses".

Lembrou que o conflito afecta a diversos municipios de Galicia, entre eles tamén a Poio.

"Esperamos desde o Concello que se resolva e cheguen a acordo o antes posible", concluía Vilaverde.