Ravella reparte 400 composteiros individuais e pon en marcha o préstamo de biotrituradoras

O Salnés
03 de febreiro 2024

A nova fase na implantación da compostaxe diríxese á veciñanza de zonas rurais e periurbanas que residan en vivendas unifamiliares con horta, xardín ou patio

Composteiros individuais Deputación de Pontevedra

O Concello de Vilagarcía pon en marcha unha nova fase para a implantación e expansión da compostaxe mediante o reparto gratuíto de 400 novos colectores individuais. Esta nova etapa diríxese á veciñanza de zonas rurais e periurbanas que residan en vivendas unifamiliares con horta, xardín ou patio exterior no que instalar o colector. 

Ademais, ponse en marcha un servizo de préstamo de bitorituradoras portátiles para converter os restos de podas domésticas no estruturante necesario para o proceso da compostaxe. Todo o material foi adquirido mediante unha achega dos fondos Next Generation.

A distribución dos composteiros de 300 litros de capacidade iníciase o luns, mediante cita previamente concertada a través dos mestres composteiros do Concello. As primeiras en recibilos serán as persoas anotadas na lista de agarda resultante das entregas anteriores, unhas 160. O resto de interesados en recibir un colector para practicar a compostaxe doméstica poden solicitalo chamando ao teléfono 620 407 248. 

Só se admitirán as solicitudes de persoas residentes no municipio, e valorarase positivamente que a vivenda dispoña dun espazo exterior coa superficie mínima para a instalación do composteiro e uso do compost obtido, xa sexa na horta ou xardín.

O reparto farase no Auditorio, por grupos reducidos, e despois de asistir a unha breve charla informativa sobre o uso dos composteiros e o proceso de elaboración do abono natural mediante a xestión da parte orgánica dos residuos que se xeran nas vivendas. Os beneficiarios tamén recibirán aireador e termómetro para controlar o proceso, así como un manual de uso.

Para facilitar o labor aos vilagarciáns, o Concello dispón xa dende hai anos dun sistema de reparto gratuíto de estruturante, o material vexetal que se debe mesturar cos biorresiuos para favorecer a súa descomposición e posterior transformación en abono. 

A maiores, con este sistema o Concello pretende reducir o número de queimas para desfacerse dos restos das podas, corte de herbas ou roces de maleza, minimizando deste xeito os riscos de incendio e a correspondente contaminación ambiental. E tamén se evita que estes restos acaben nos contedores de recollida de lixo, algo que ocorre habitualmente, sobre todo no rural, e que non está permitido. O Concello dispón dun servizo gratuíto de recollida de poda a domicilio, que pode solicitarse chamando ao 986501617.