O restaurante Ultramar pechará as súas portas o 30 de setembro tras finalizar a súa concesión no Museo

Pontevedra
26 de setembro 2025
Actualizado: 13:07

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, explicou que é unha concesión adxudicada, "e creo que foi un éxito", pola anterior administración. Por lei, non é posible prorrogala

"La Ultramar", o restaurante de Pepe Vieira no edificio Sarmiento do Museo Mónica Patxot

O restaurante Ultramar, situado nos baixos do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, pechará as súas portas o próximo 30 de setembro, ao concluír a concesión administrativa que desde 2015 xestiona a empresa Pepe Vieira SL.

A noticia foi confirmada este venres polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, quen explicou que se trata de unha concesión adxudicada, "e creo que foi un éxito", pola anterior administración e que, por lei, non é posible prorrogala novamente.

En 2020, o contrato xa fora ampliado por cinco anos, cunha primeira prórroga que vencía en abril de 2025. Con todo, outorgouse unha extensión excepcional de tres meses para evitar o peche do local durante a celebración da Bienal de Arte, que conclúe este mes.

Domínguez adiantou que a Deputación "tramitará rapidamente unha nova concesión", aínda que non especificou prazos concretos.

Así mesmo, valorou positivamente a xestión da Ultramar, asegurando que o traballo que fixeron "é magnífico" e expresou o seu desexo de que "se presenten outros restaurantes" ao futuro concurso, dado que se trata dun espazo que "dinamiza moito a zona e o Museo".

En paralelo, a Deputación está a redactar os novos pregos de condicións para sacar a concurso a nova explotación.

Entre os cambios que se estudan, contémplase a eliminación do 'Espazo Café' na terceira planta do Edificio Castelao, onde actualmente hai instalada unha máquina de autoservicio xestionada por Ultramar. Desde o Museo propoñen que ese espazo deixe de ser accesible ao público.

Ademais, Domínguez anunciou que a Deputación executará unha reforma do solo e os baños do restaurante para mellorar a accesibilidade do local.

"La Ultramar", o restaurante de Pepe Vieira no edificio Sarmiento do Museo     Mónica Patxot