As Rías Baixas agardan superar o 90% de ocupación este verán

O Salnés
17 de xullo 2025
Actualizado: 15:31

Esta é a previsión que manexa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e que fixo pública este xoves en Ribadumia durante a xornada 'Enoturismo Intelixente: Da estratexia á acción'

Unha peregrina

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou este xoves en Ribadumia na inauguración da xornada 'Enoturismo intelixente: da estratexia á acción. Caso de uso e experiencias en destinos', organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR).

Neste foro, Merelles destacou as previsións que o seu departamento manexa para este verán e que falan dun incremento do 9% nas reservas de voos internacionais a Galicia.

Ademáis destacou que estiman unha ocupación media dos establecementos de aloxamento de entre o 70 e o 90%.

"Esta porcentaxe pode incrementarse no caso de destinos coma o das Rías Baixas que vén experimentando un crecemento continuo en número de turistas nos últimos anos", afirmou.

O director de Turismo de Galicia valorou a importancia do enoturismo na creación de novas experiencias, que aporten un valor engadido á visita a Galicia a través dun tipo de turismo, o enogastronómico, que é dos de maior gasto medio por día leva parello. De aí a relevancia que o turismo enolóxico está a tomar nos últimos anos e os esforzos do seu departamento por potencialo.

Xosé Merelles destacou ademais como unha das liñas mestras da Xunta, "a necesidade de avanzar na dixitalización do sector". Aquí inclúese a vontade de integrar as novas tecnoloxías tanto desde a Administración como nas empresas para, así, aproveitar efectivamente todos os beneficios que ofrecen.

Neste mesmo foro o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López afirmou que "as Rías Baixas son un territorio que produce un viño de gran calidade e prestixio, un territorio que ve no sector vitivinícola unha fortaleza para impulsar a economía e un territorio acolledor, atractivo e amigo do turista".

Encontro nacional sobre enoturismo organizado por Segittur

RIBADUMIA

O Concello de Ribadumia fixo balance das visitas rexistradas durante o mes de xuño, segundo os datos recompilados pola Oficina de Turismo municipal, que reflicten o bo momento turístico que vive o municipio mellorando os datos deste mesmo período do ano pasado, en especial os relativos ao número de usuarios de fóra do territorio nacional, que aumentaron nun 9,65%.

Ao longo do mes, un total de 989 persoas pasaron pola Oficina de Turismo, das cales un 2% visitaban Ribadumia dende diversos puntos de Galicia, o 26% procedían doutros puntos de España e un 74% eran turistas internacionais. Estes datos evidencian un crecemento nas visitas rexistradas dun 6,34% respecto ao mes de xuño do pasado ano 2024. 

Dentro do turismo nacional, destaca o importante fluxo de visitantes de comunidades como Andalucía (104), Madrid (27), País Vasco (25) ou Valencia (22). No apartado internacional, os principais países de procedencia foron Estados Unidos (231 visitantes), Portugal (114), Italia (92), Alemaña (47) e Países Baixos (28), xunto con chegadas doutros destinos máis afastados como Australia, Canadá, Emiratos Árabes ou Sudáfrica. 

En canto ao perfil do visitante, o 91% foron peregrinos, mentres que un 8% eran turistas e o 1% excursionistas que se desprazaron a Ribadumia para pasar o día, xa que o municipio segue destacando como enclave dentro da Ruta do Padre Sarmiento - Variante Espiritual do Camiño Portugués, así como pola Ruta da Pedra e da Auga que transcorre polo termo municipal.

Cómpre salientar tamén o impacto positivo do turismo no sector do aloxamento local e a hostalaría, pois a maioría dos visitantes fixeron uso de establecementos como o albergue, as casas de uso turístico e hoteis.