Sae a licitación o proxecto para converter varias rúas de Cuntis en 'espazos amigables'

Umia
01 de abril 2022

O proxecto, que supera os 578.417 euros de investimento, contempla melloras no parque infantil, na dotación dun espazo biosaudable, a redución da velocidade na contorna e bancos con cargadores solares

Rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González en Cuntis que van ser reurbanizadas Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis saca a licitación a reurbanización das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González, un ambicioso proxecto que supera os 578.417 euros e que prevé a conversión do entorno nun espazo gañado para desfrute da veciñanza.

O proxecto contempla unha actuación concreta no parque e medidas de calmado do tráfico, como a redución da velocidade na zona, para garantir a seguridade dos peóns.

A obra, financiada con cargo ao programa ReacPon da Deputación de Pontevedra, presta especial atención á eficiencia enerxética, incluíndo cargadores para móbiles alimentados con enerxía solar.

As empresas interesadas en participar no proceso de selección poden consultar os pregos no perfil do contratante e presentar as súas ofertas antes do 18 de abril.

ESPAZOS AMIGABLES E DE CALIDADE

Desde o punto de vista social, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, explica que o proxecto contempla un incremento cualitativo de "espazos amigables e de calidade", coa renovación do parque infantil existente na esquina noroeste da rúa Xoán Xesús González e a dotación de elementos de exercicio biosaludables no espazo que rodea a pista de xogos existente no interior dos edificios da marxe dereita da mesma.

"Estas actuacións amplían as posibilidades destas localidades menos urbanas favorecendo a igualdade de oportunidades", sinala Manuel Campos.

O concepto desta reurbanización baséase na ampliación dos espazos de paseo e estancia peonil en detrimento dos destinados á circulación de vehículos, mellorando desta forma a accesibilidade a equipamentos e infraestruturas da localidade.

No que se refire á circulación rodada, o proxecto reduce a velocidade en todo o ámbito de 30 a 20 quilómetros por hora, o que supón unha mellora considerable na seguridade viaria.

EFICIENCIA AMBIENTAL

Nesta actuación, financiada integramente pola Deputación de Pontevedra, préstase especial atención á eficiencia ambiental coa implantación de elementos de sinalización con balizamento luminoso e elementos de mobiliario urbano como bancos con cargador de teléfonos móbiles alimentados por enerxía solar.

Manuel Campos recorda que a instalación destes elementos garantiza a sostenibilidade enerxética e mellora ambiental, xa que o subministro depende ao 100% da enerxía procedente do sol.

Por último, a actuación contempla a renovación dos servizos urbanos para un mellor uso da auga e respectuoso co medio ambiente, evitando o seu desperdicio e controlando a evacuación das verteduras urbanas. "Todo elo redundará na mellora da xestión dun recurso cada vez máis escaso e importante para a calidade de vida de quen o precisa", conclúe Manuel Campos.