Sanxenxo presenta un orzamento de case 32 millóns para 2018

Sanxenxo
15 de decembro 2017

O goberno municipal xa ten listo o borrador do orzamento para 2018. Trátase dunhas contas que foron entregadas este venres á oposición e que, segundo o Concello, permitirán recuperar a normalidade nos prazos de aprobación e na capacidade de xestión de Sanxenxo

Gonzalo Pita e Telmo Martín, na toma de posesión como alcalde de Sanxenxo
Gonzalo Pita e Telmo Martín, na toma de posesión como alcalde de Sanxenxo / Mónica Patxot

O goberno municipal xa ten listo o borrador do orzamento para 2018. Trátase dunhas contas que foron entregadas este venres á oposición e que, segundo o Concello, permitirán recuperar a normalidade nos prazos de aprobación e na capacidade de xestión de Sanxenxo.

Ascenderán, organismos autónomos incluídos, a 31,9 millóns de euros. Supón un notable incremento con respecto ao de 2017, que foi de 22,7 millóns.

O alcalde destaca que, tras a súa chegada á Alcaldía, tiveron que redactar dous orzamentos en tan só cinco meses para poñerse ao día.

As principais partidas volverán ser a de persoal (7,75 millóns de euros) e gastos correntes (9,45 millóns), mentres que os investimentos ascenderán en total a 12,76 millóns.

Os investimentos propios do Concello serán 3 millóns e distribuiranse en plans directores para servizos básicos, rede viaria, servizos sociais, educación, cultura, turismo e deportes.  

Ademais, solicitarase un préstamo de 3 millóns para a expropiación da zona verde da rúa das Cunchas. Doutras administracións virán outros 2,3 millóns, a razón da axuda de 1,2 millóns solicitada a Fomento para a rehabilitación do Pazo Quintáns -que inclúe outros 340.000 euros do Concello- e os 1,12 millóns do Plan Concellos da Deputación.

Sanxenxo pediría un segundo préstamo, de 1,5 millóns, no caso de que se desbloqueen proxectos como a mellora da rúa Progreso ou o edificio cultural de Vilalonga.

Outro aspecto destacable do novo orzamento, segundo o Concello, é a consolidación do persoal municipal xa que se contempla a reposición das prazas vacantes por xubilación, as que se crearon no orzamento do 2016 pero que aínda non foron ocupadas, e outros acordos do recentemente consensuado convenio colectivo.

No capítulo de ingresos, por último, Sanxenxo prevé 9,27 millóns de euros en impostos directos e indirectos e outros 8,5 millóns en taxas por servizos públicos. Outros 7,71 millóns chegarán vía transferencias correntes.