'Sen ciencia non hai paraíso' en Soutomaior

Soutomaior
11 de xuño 2026

O Multiusos de Arcade foi escenario este xoves 11 de xuño da quinta edición da Feira de Ciencia

Quinta edición da Feira da Ciencia de Soutomaior Concello de Soutomaior

É só a súa quinta edición, pero a Feira de Ciencia permanece como "unha das citas educativas e divulgativas máis importantes de Soutomaior".

Así o asegurou este xoves o alcalde, Manu Lourenzo, tras visitar os participantes da feira no Multiusos de Arcade.

Esta iniciativa organizada polo Concello de Soutomaior coa colaboración dos centros educativos, pretende fomentar a ciencia entre o novos pero tamén achegala aos veciños a través de experimentos e proxectos que fomentan o pensamento científico e a curiosidade.

A quinta Feira de Ciencia celebrouse durante toda a xornada do xoves, coa participación de alumnos e alumnas do IES Soutomaior, IES Mendiño, IES Illa de San Simón, Colexio Santiago Apóstol, CEIP Manuel Padín Truitero e o CEIP de Ponte Sampaio.

En total expuxéronse até 17 traballos con temáticas diversas, entre as que se atopaban propostas como 'Supermicrobios: o poder invisible que fai medrar a vida', 'Carreira de podremia', 'Que bebida dana máis os teus dentes: refresco, zume ou auga?', 'Que froita oxida máis rápido: a mazá, o plátano ou a pera?', 'Telégrafo e efecto Joule' ou 'Meal Time', entre outros.

Quinta edición da Feira da Ciencia de SoutomaiorConcello de Soutomaior

Os proxectos distribuíronse en catro espazos segundo a etapa educativa: a Zona A, destinada ao alumnado de 5º e 6º de Primaria; a Zona B, para 1º e 2º da ESO; a Zona C, para 3º e 4º da ESO; e a Zona D, correspondente aos traballos de Bacharelato.

A programación contaba con tempo para a exposición dos traballos, un obradoiro de elaboración de velas aromáticas, outro taller de plantas e sacos aromáticos e o espectáculo científico 'Sen ciencia non hai paraíso'.

A feira contaba con dous premios en cada unha das categorías de Rigor Científico, Innova, Comunica e Divulga, ademais de premios Revelación nas categorías de Primaria, Secundaria e Bacharelato.

"Esta Feira de Ciencia é unha mostra do enorme talento e da capacidade creativa das nosas nenas, nenos e mocidade. Desde o Concello apostamos por facer da ciencia unha ferramenta para espertar vocacións, fomentar o pensamento crítico e construír unha sociedade máis preparada para os retos do futuro", sinalou sobre a xornada o alcalde, Manu Lourenzo.