Un séquito de 600 persoas acompañará os Reis Magos en Vilagarcía

O Salnés
03 de xaneiro 2026
Actualizado: 11:42

A cabalgata sairá o luns 5 de xaneiro ás 19:00 horas da praza da II República e finalizará en Ravella co tradicional discurso das súas Maxestades de Oriente

Cabalgata de Reis Magos en Vilagarcía Concello de Vilagarcía de Arousa

Todo está listo xa en Vilagarcía de Arousa para a visita dos Reis Magos.

As súas Maxestades de Oriente teñen previsto percorrer as rúas de Vilagarcía o vindeiro luns 5 de xaneiro cunha cabalgata que partirá ás 19.00 horas da praza da II República e finalizará en Ravella co tradicional discurso de Melchor, Gaspar e Baltasar.

Percorrerán as rúas, confirma o Concello, acompañados dun séquito composto por seiscentas persoas.

Pertencen a 16 colectivos arousáns, entre os que se atopan ANPAS de varios colexios, asociacións culturais e veciñais, grupos musicais, o Colexio de Educación Especial, a asociación de voluntarios de Protección Civil e os centurións do club de rugby Os Ingleses. Ademais participará un autobús histórico e a Banda de Música de Vilagarcía amenizará o acto tocando panxoliñas.

As súas Maxestades disporán este ano de 3.200 quilos de caramelos sen gluten que eles e os seus paxes lanzarán ao público desde seis carrozas.

A cabalgata sairá ás 19:00 horas da chaira do Auditorio para desfilar pola Avenida da Mariña cara a Praza da Peixería e continuar pola praza do Doutor Carús, Alexandre Bóveda, Alejandro Cerecedo e Doutor Tourón. Pasará pola Praza de España e seguirá por Edelmiro Trillo, Padre Feijoo e Arapiles até chegar aos xardíns de Ravella.

Alí os Reis baixarán dos seus vehículos para realizar o último tramo do traxecto a pé atravesando o parque.

Despois de ser recibidos no consistorio polo alcalde e autoridades locais, os Magos de Oriente acomodaranse nos tronos do Salón Nobre para recibir a todos os nenos e nenas que desexen ir saudalos persoalmente.

Arquivado en