A Unión Xeral de Traballadores (UGT) de Pontevedra convoca a manifestación do 1º de Maio, Día Internacional dos Traballadores, que sairá ás 13.00 horas da praza da Ferrería e rematará diante do Concello, na praza de España, onde se lerá un manifesto conxunto que tamén se presentará no resto de Galicia.
Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT Pontevedra, destacou en declaracións a PontevedraViva que "este ano é diferente" debido á "situación de deriva internacional globalizada cara ao liberalismo puro e duro", que supón "unha loita clara contra os dereitos dos traballadores e das traballadoras".
Segundo Vidal, "o estado de benestar está en franco perigo e os aranceis están a afectar o futuro do noso sector empresarial".
O líder sindical lamentou a falta de unidade sindical en Pontevedra, a diferenza do que ocorre no resto de Galicia, onde UGT e CCOO convocan manifestacións conxuntas.
"Nós estamos abertos á unión sindical. Non entendemos as causas polas que estamos en todo Galicia en unión sindical e non estamos en Pontevedra", afirmou Vidal, quen engadiu que "hai unhas normas e regulamentos que nós seguimos".
Puxo como exemplo a rehabilitación do edificio sindical da rúa Pasantería, onde "todos participamos e todos estamos botando unha man para un ben común", e expresou a súa mágoa por non poder facer o mesmo coa manifestación do 1º de maio: "Quizais podíamos facer algo máis, quizais todos podemos facer algo máis, pero dous non falan se un non quere", sinalou.
Na véspera da manifestación, UGT celebrará unha cea de homenaxe a Mónica Reinaldo Soto, que foi secretaria de Formación, Igualdade e Riscos Laborais de FETE-UGT-Galicia e colaboradora da Unión Comarcal de Arousa durante moitos anos. O acto terá lugar este mércores 30 de abril ás 21:00 horas no hotel-restaurante Ciprés de Vilagarcía.
Mestra de profesión, Reinaldo exerceu a docencia en diferentes centros de Pontevedra, Vilanova e Vilagarcía, e mantivo unha ampla actividade no campo da formación desde a súa vinculación ao sindicato en 1983.
Foi representante de Galicia nos Consellos Estatais de Formación, Igualdade e Prevención de Riscos Laborais e membro do Consello de Igualdade e do Consello Escolar do Concello de Vilagarcía.
No transcurso do acto de homenaxe, no que estarán presentes, ademais do secretario xeral da Unión Comarcal de UGT, o secretario xeral da Executiva Provincial da Federación de Servizos Públicos do sindicato, Juan Loureiro, e o director da Fundación Luis Tilve, Guillerme Pérez Agulla, os dirixentes de UGT presentarán o manifesto do 1º de maio.
O texto deste ano incidirá na necesidade de seguir avanzando na conquista de dereitos e na mellora das condicións de traballo, especialmente na redución de xornada.
Ademais, condenaranse as guerras de ocupación, como a de Ucraína, así como o xenocidio de Gaza e a guerra comercial iniciada pola administración Trump.
O xoves a manifestación en Vilagarcía partirá ás 12.00 horas da praza Ravella.
INCIDENCIAS DO APAGAMENTO
Respecto ao apagamento eléctrico, Vidal explicou que o que máis lles preocupou foi a situación das "persoas que teñen unha necesidade vital de enerxía" e daqueles que "quedaron nalgún ascensor ou garaxe con dificultades para saír".
Neste sentido, o sindicato estivo reunido coa dirección do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra para abordar estas cuestións.
O secretario comarcal de UGT tamén sinalou que o apagón impediu realizar a actividade normal do sindicato, xa que "está todo informatizado" e non puideron desenvolver comunicacións tanto xurídicas como administrativas, que agora están obrigados a realizar de forma telemática.