Ultiman as obras para converter o multiusos de Carballedo nun novo centro de saúde

Cerdedo Cotobade
23 de xullo 2014

Unha vez rematen as obras, o Servizo Galego de Saúde mudará as dependencias do centro de saúde emprazado no lugar da Igrexa (Carballedo) á planta baixa do novo inmoble, un espazo de 251,50 metros cadrados e que contará con cinco salas

Visita ás obras para converter o multiusos de Carballedo nun centro de saúde Xunta de Galicia

As obras na planta baixa do centro multiusos de Cotobade, o lugar ao que se trasladará o centro de saúde de Carballedo, avanzan a bo ritmo. Segundo comprobaron, entre outros, o xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, Jose Manuel González, e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela López, os traballos de acondicionamento están a piques de ser rematados.

Unha vez rematen as obras, que tamén contan coa colaboración da Deputación, o Servizo Galego de Saúde mudará as dependencias do centro de saúde emprazado no lugar da Igrexa (Carballedo) á planta baixa do novo inmoble, un espazo de 251,50 metros cadrados e que contará con cinco salas.

Deste xeito, poderase reverter ao Concello de Cotobade o local onde se desenvolve actualmente a actividade de Atención Primaria.

Tanto Jose Manuel González coma Jorge Cubela subliñaron que, co obxecto de mellorar a accesibilidade dos usuarios e dar unha mellor resposta á veciñanza, o SERGAS e o Concello de Cotobade continuarán a realizar as xestións pertinentes para que este municipio forme parte da relación de concellos beneficiarios das axudas necesarias para atender os gastos de mantemento do centro sanitario de referencia -electricidade, calefacción, limpeza e persoal-.