Ultiman tres millóns en obras para Lourizán, Campañó, Lérez, A Canicouva, Marcón e Mourente

Pontevedra
27 de maio 2021

Seis actuacións que, no seu conxunto, supoñerá un investimento de tres millóns de euros. É o paquete de obras que ultima o Concello en seis parroquias do rural, tras a recente incorporación ao orzamento municipal de case quince millóns de euros máis

Obras na Peralba Concello de Pontevedra

Seis actuacións que, no seu conxunto, supoñerá un investimento de tres millóns de euros. É o paquete de obras que ultima o Concello en seis parroquias do rural, tras a recente incorporación ao orzamento municipal de case quince millóns de euros máis.

A primeira delas será a que se execute nos núcleos de Rial, Rorís, Méan e Liñares, en Lourizán. Trátase dunha obra que, no seu día, quedou inacabada pola quebra da construtora Nexia e que, de acordo cos veciños, verá ampliado o seu radio de acción.

O investimento pasará de 184.000 a 455.000 euros. Renovarase o pavimento destas zonas e, ademais, executarase a recollida de pluviais, instalaranse novas canalizacións e acometerase o pintado e sinalizado dos viais.

Ademais, en Liñares ampliarase o ancho do vial, que nalgúns tramos é menor aos 4 metros, pasando ata os 6,5 metros, reforzando os muros que sosteñen o terreo.

Pola súa banda, 564.000 euros serán para arrombar a conexión da PO-532 co núcleo da Peralba, en Marcón. O proxecto permitirá cambiar o pavimento e o sistema de recollida de augas ao longo duns dous quilómetros. Haberá tamén medidas de acougado de tráfico.

A ponte que atravesa este vial será o punto máis complexo desta actuación, xa que haberá que colocar novos módulos. Os actuais non se atopan en boas condicións.

Esta obra sumarase a tres actuacións anteriores, valoradas nuns 320.000 euros, para executar o saneamento interior da Peralba, a pavimentación de todo o núcleo e a instalación de alumado LED. Nesta zona hai unhas 25 vivendas.

A estes dous proxectos, que sairán xa a licitación, o Concello sumará outros catro cuxos detalles están a ultimar os técnicos municipais.

Serán actuacións en Carballiños e Ferreiro (Campañó), Cacheiro (A Canicouva), Pazo e Carabelo (Mourente) e Ramallás (Lérez), que se presentarán en próximas semanas.