Unha caravana de coches, novo acto de protesta para reclamar a mellora da PO-234

Ponte Caldelas
27 de outubro 2016

A plataforma veciñal e o goberno local de Ponte Caldelas mantiveron unha xuntanza na que coincidiron na súa preocupación pola pasividade da Xunta de Galicia para reformar a totalidade da estrada, sen deixar fóra as curvas de Laxoso

Encontro entre a Plataforma que pide a reforma da PO-234 e representantes do goberno local de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Unha caravana de vehículos percorrerá a estrada PO-234 durante a mañá do próximo domingo 13 de novembro. É a decisión adoptada pola plataforma veciñal e o goberno local de Ponte Caldelas despois da reunión que mantiveron na que mostraron a súa preocupación pola pasividade da Xunta de Galicia tras a manifestación que se celebrou o 1 de outubro para reclamar as obras de reforma da estrada no tramo de Laxoso, no que existen curvas perigosas para o tráfico.

Na reunión participaron o alcalde Andrés Díaz e os concelleiros Alfonso Gutiérrez e Manuel Barreiro. O Concello dispón dun informe policial que acredita as deficiencias técnias e normativas no tramo que atravesa Ponte Caldelas. Pero, ata o momento, a Xunta de Galicia decidiu limitar as obras ao tramo de Cotobade, segundo informa o goberno local, esquecendo vellas promesas electorais que se remontan ao ano 2011.

No que leva de mes de outubro, no tramo de Laxoso rexistráronse tres saídas de vía. Os veciños móstranse indignados e están a recompilar fotografías destes accidentes. Sinalan que as brigadas de conservación de estradas da Xunta aceléranse en reparar os danos nas biondas e demais elementos da vía.

Ademais, os veciños apuntan que contan con gravacións que mostran o perigo que supón o tránsito de vehículos pesados, que ven obrigados a invadir o carril contrario nas curvas máis pechadas.

Desde o goberno local esperan que no novo goberno da Xunta de Galicia se leve a cabo unha substitución á fronte da consellería de Infraestruturas, xa que non existe diálogo con Ethel Vázquez.

Arquivado en