Vaipolorío conclúe o ano retirando árbores caídas no paseo do río Gafos

Pontevedra
30 de decembro 2023

Integrantes do colectivo ecoloxista realizaron estas tarefas de limpeza do leito e arredores do río despois das borrascas outonais que provocaron desprendementos de pólas e árbores. Vaipolorío agarda agora a aparición do Demo Asubiador, o trasno mitolóxico do río que coa chegada do Aninovo escolle a un parvo da aldea ao que vai asubiando nunha orella

Integrantes de Vaipolorío retiran unha árbore desprendida no sendeiro do Gafos Vaipolorío

Integrantes do colectivo ecoloxista Vaipolorío dedicaron esta xornada do sábado 30 a realizar tarefas de limpeza do leito e arredores do carreiro do río Gafos despois das borrascas outonais, que provocaron desprendementos de ramas e árbores ao longo do seu percorrido.

Trátase da última actividade desta asociación neste 2023. Durante todo o ano realizaron diferentes actividades relacionadas co coidado e a limpeza do río urbano.

Agora esperan a chegada, un ano máis, do Demo Asubiador, un trasgo mitolóxico que afai escoller un parvo da aldea o día de Aninovo ao que asubía nunha das orellas.

Nestes días atopárono tras unhas pedras tiradas nas Veigas Grandes, que se situaban no Camiño das Ánimas nas proximidades do Camiño de Balaxóns por onde se acompañaba os defuntos da Ramalleira ata a igrexa de Santa Comba de Bértola. Os representantes de Vaipolorío indican que esas pedras foron esnaquizadas polas obras que se acometen no Camiño de Balaxóns.

Denuncian que se trata dun episodio máis de ataques ao patrimonio histórico, etnográfico e social da parroquia de Bértola, en Vilaboa.