A segunda noite de incidencia de temporal, co paso dunha borrasca bautizada como Leiv, deixou multitude de pequenas incidencias ao longo de toda a provincia, a máis afectada de toda Galicia.
Durante a noite o servizo de emerxencias 112 Galicia atendeu un total de 397 incidencias en toda a provincia, 31 delas só na cidade de Pontevedra.
A maioría delas foron por caída de árbores, valos, tellas ou colectores, sobre todo a primeiras horas da noite e a madrugada, xa que a última intervención dos Bombeiros durante a noite produciuse ás 5:00 horas.
Entre as incidencias destacadas, cabe sinalar que unha muller resultou ferida leve polo desprendemento de elementos dun tellado na rúa Loureiro Crespo, e a caída dunha árbore na Esculca, Salcedo, que levantou as súas raíces facendo necesaria maquinaria para a súa retirada, polo que permanece cortada unha estrada secundaria no lugar.
Polo demais Bombeiros e Policía Local tiveron que volver fixar varios ferros na ponte da Barca, por risco a que volvesen voar como na madrugada do venres, cando obrigou a cortar incluso a AP-9.
Ademais os servizos de emerxencia desprazáronse a diversos puntos da cidade como A Parda, a rúa Joaquín Costa, o establecemento MerkAsia na Avenida de Lugo, onde se desprendeu parte do seu letreiro, a rúa 12 de Novembro, onde dous valos publicitarios cederon ao vento caendo sobre a beirarrúa invadindo lixeiramente a calzada ou Fernando II, onde a rúa seguia pola mañá pechada ao tráfico polo perigo de desprendementos despois que voase parte do tellado dun edificio. Tamén pola mañá, unha árbore caeu sobre a porta de acceso do IES Xunqueira I, ao redor das 11:00 horas.
No resto da comarca as intervencións foron constantes, principalmente por caída de árbores, como as rexistradas por exemplo en San Clemente (Caldas de Reis), Arcos da Condesa (Caldas), Xieles (Cambados) ou en Oubiña (Cambados), que mantivo pechada ao tráfico a estrada PO-300.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.