O primeiro dos vídeos da campaña do Efecto PO2 xa viu a luz. A canle de YouTube do Concello de Pontevedra estreou este xoves a peza inicial desta iniciativa, que pretende concienciar aos cidadáns sobre un estilo de vida e de respecto polo medio ambiente e pola saúde das persoas.
Gravado en plena praza da Ferraría, o vídeo está protagonizado por unha señora que está tranquilamente lendo un libro na súa casa e, logo de recibir unha mensaxe por teléfono para quedar no teatro, sae do salón directamente á praza.
Con esta peza, o Concello pretende demostrar como en Pontevedra a rúa, as prazas, o espazo público é a extensión da vivenda de todos os veciños, de aí a necesidade do seu coidado, do seu mantemento e de que poida ser gozado por todos en igualdade de oportunidades.
Esta acción compleméntase con outras como as pintadas de rúa -CO2 +PO2 que se poden ver en dez puntos diferentes da cidade, e que permite facer un pequeno xogo: canto máis se pise o CO2, só irá quedando PO2.
Tamén inclúe unha campaña de carteleira de máis de 1.000 exemplares con sete imaxes distintas que recollen diferentes puntos fortes do modelo de cidade, para explicar na cidade que é o Efecto PO2.