Xa se poden presentar alegacións á mellora da estrada PO-234 entre Laxoso e o cruce de Portasouto

Ponte Caldelas
12 de agosto 2021

Esta nova actuación na vía autonómica centrarase na mellora do trazado e na ampliación da calzada, ata os 7 metros de ancho, así como no acondicionamento das interseccións

A Xunta mellora o tramo da PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de mellora da estrada PO-234, entre Laxoso e o cruce de Portasouto, en Ponte Caldelas. A actuación deseñada suporá un investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.

O DOG, simultaneamente ao trámite de información pública, recolle a efectos expropiatorios a relación de predios necesarios para executar o novo proxecto de acondicionamento deste tramo da vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 2+580 e 4+150.

O período de presentación de alegacións estenderase durante un período de trinta días hábiles, contados a partir deste venres. 

Os traballos neste tramo centraranse na mellora do trazado e na ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho. Tamén se actuará nas interseccións e se executarán cunetas de seguridade e melloras da drenaxe transversal e lonxitudinal. Ademais reporanse a sinalización horizontal e vertical e as barreiras de seguridade flexibles.

Con esta actuación o departamento que dirixe Ethel Vázquez completará o acondicionamento desta estrada que conecta os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, cuxas dúas primeiras fases foron xa executadas e supuxeron un investimento autonómico de preto de 1,25 millóns de euros.

Cómpre lembrar que a execución da mellora desta vía se dividiu en tres fases. Neste sentido, xa está a disposición dos veciños o tramo entre o cruce de Portasouto e Aguasantas, e tamén están acondicionado o treito entre Ponte Caldelas e Laxoso.