As elaboracións Os tres elementos, do restaurante Xerfa, e o canelón de Bacallau ao pil pil, de O Vasko, impuxéronse na décimo cuarta edición do Sanxenxo Degusta Tapas nas categorías creativa e tradicional, respectivamente.
É o segundo ano consecutivo que estes dous establecementos gañan este concurso.
Os segundos premios, pola súa banda, recaeron en O Buraco con Saam de touciño entrefebrado a baixa temperatura con maionesa agripicante e fíos togorasi e Cochinillo a baixa temperatura con parmentier e chutney de verduras de Ollares da Ría.
As terceiras tapas mellor valoradas polo público foron as Gyozas de boi con maionesa de ja e teriyaki de Ollares da Ría e Xantar de Aldea de Restaurante Xerfa.
Sanxenxo Degusta Tapas volveu ser un éxito de público con 7.242 tapas servidas nos 24 locais participantes cun total de 40 tapas diferentes a un prezo de 4 euros.
Estas boas cifras de consumo conseguíronse en todos os restaurantes participantes.
"É unha clara aposta polo produto, pola cociña de calidade e iso nótase no éxito de público. A hostalería envorcase con esta proposta e nótase", asegurou o concelleiro de Turismo, Juan Deza.
Para os clientes que encheron o cupón do concurso tamén houbo premios, entre eles, accesos a spa, visitas guiadas a adegas ou viaxes en barco.