Máis de catrocentos estudantes de bacharelato, procedentes de seis cidades de toda Galicia, participaron este xoves na xornada de portas abertas coa que o campus universitario de Pontevedra mostrou toda a súa oferta formativa.
A través desta iniciativa, os responsables do campus buscan que os futuros universitarios poidan coñecer de primeira man o día a día nas diferentes facultades e escolas e os ámbitos de aplicación dos seus estudos, a través dunha serie de visitas divididas por ámbitos.
A vicerreitora Eva María Lantarón, que foi a anfitrioa desta xornada, explicoulles que o campus de Pontevedra conta "con moitas titulacións singulares", únicas no sistema universitario galego, centradas no ámbito da creatividade, o eixe do proxecto de especialización Campus Crea.
Os participantes, divididos en diferentes grupos, acudiron ás diferentes facultades e escolas para participar en cinco percorridos diferentes, segundo os itinerarios de interese que previamente seleccionaran.
O máis numeroso, con 135 estudantes, foi o de educación, centrado en darlles a coñecer os tres graos que se imparten na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Outros 130 decantáronse polo artístico-humanístico e puideron coñecer as aulas e talleres de Belas Artes e Deseño. No ámbito das Ciencias Sociais, 86 mozos e mozas achegáronse ás titulacións das facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública.
Pola súa banda, 56 decantáronse pola área da saúde, visitando a Facultade de Fisioterapia e a Escola Universitaria de Enfermaría, mentres que unha decena optou polo eido tecnolóxico, o que levounos a coñecer os estudos que se imparten na Escola de Enxeñaría Forestal.
A meirande parte dos futuros alumnos eran estudantes de primeiro de bacharelato, que viron nesta cita unha oportunidade para coñecer máis de preto algunhas das titulacións do seu interese.