O desenvolvemento do PIA de San Mauro, que permitirá construír 2.000 novas vivendas públicas en Pontevedra, e as demandas dos afectados polas expropiacións necesarias para levalo a cabo estiveron prsentes este xoves nun acto conxunto en Valdecorvos da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no que se anunciaba unha nova promoción de vivenda protexida.
Martínez Allegue reiterou aos afectados que lles será outorgada unha vivenda de substitución tanto nos edificios que alí se constrúan como nunha urbanización específica prevista con vivendas unifamiliares.
"Incluso, se así o desexan os propietarios afectados, a Xunta da Galicia construirá a vivenda por eles", reiterou a conselleira.
A responsable do goberno galego pediu "tranquilidade" aos afectados xa que a valoración inicial dos terreos non é aínda a da Xunta de Galicia senón da empresa consultora contratada e porque "temos que ter en conta que estamos nunha fase onde aínda non iniciamos a valoración deses inmobles nin dos elementos que hai nas parcelas". No momento que iso suceda "estudarase cada caso para valorar que é máis conveniente", defendeu.
"Dende logo, pola nosa parte, o que queremos é causar o menor prexuízo posible", asegurou a conselleira lembrando que "estamos a falar dun espazo urbanizable" recollido como tal desde hai décadas no plan urbanístico.
Ao seu lado o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, defendeu o PIA de San Mauro como "un proxecto bo para esta cidade" que permitirá non só habilitar novas vivendas senón que "vai haber zonas verdes e terreos para equipamentos necesarios no crecemento da cidade".
Para o rexedor trátase de "unha operación necesaria" que permitirá mellorar a calidade de vida desa zona de Pontevedra e que fará crecer a cidade de forma ordenada.
A pesar da magnitude da operación, engadiu Lores, "eu creo que hai marxe suficiente para que ninguén salga prexudicado con esta operación. Creo que vai saír todo o mundo beneficiado, incluído os que actualmente teñen unha propiedade nesa zona", afirmou.