Xermán Torres
Filgueira é merecente de tal honra
Pensamos que é xusto e está xustificado que a Filgueira Valverde se lle dedique o Día das Letras Galegas o ano 2015 e xa era hora! Imos tratar de poñer certa claridade nunha serie de tópicos e ideas preconcebidas e mal intencionadas dalgúns para damnificar tal gozosa nova para todos os amantes da lingua e literaturas galegas, das que Filgueira foi un gran practicante e coñecedor. As eivas que lle poñen refírense fundamentalmente ao que podemos chamar caso Bóveda, a súa etapa como alcalde de Pontevedra (1959-1968) e ao controvertido tema de Celulosas. Nos imos aportar e a argumentar certas ideas ao respecto baseadas na lectura e estudio de documentos, libros; así como en conversas mantidas con persoas coñecedoras dos temas como D. Antón Fraguas, Xosé Carlos Valle, Amancio Landín, Severino Buceta, Matilde Montero Barreiro, Fernando Quintela Novoa, Emilia Ruido, e o seus fillos e netos, por citar só a uns poucos.
Como limiar da miña exposición, precisar que sempre hai que partir dos contextos e das situacións históricas concretas, non podemos interpretar cos ollos e coa mirada de agora acontecementos sucedidos noutras etapas e circunstancias históricas e tamén contemplar a situación persoal e social de cada personaxe en cada momento dado.
CASO BÿVEDA
Compre sinalar primeiro, que hai documentos históricos e textos que indican que o xeneral Mola, un dos "cabecillas" do fracasado golpe militar de 1936, que provoca a nosa Guerra Civil ou como moitos din, Incivil (1936-1939), indicou que había que crear un estado de terror e había que aniquilar ao enemigo, non debía quedar vivo ningún colaborador nin tan siquera simpatizante da Fronte Popular. Unha persoa tan boa e agarimosa como D. Antón Fraguas (gran amigo persoal de Filgueira e ilustre galeguista) comentoume que existía a consigna de aniquilar a todo dirixente do Galeguismo. Dadas a circunstancias daquel estado de terror, crueldade e arbitrariedade o chamado xuízo de Bóveda non era tal, non había ningunhas garantías xurídicas; non existía Estado de Dereito, aquelo era unha pantomima de xuízo. Pasase o que pasase, dixérase o que se dixera, Bóveda xa estaba condenado de antemán, o seu destino xa estaba marcado, prefigurado. Tampouco consta que Filgueira fora chamado a declarar e se así o fixera, que pintaba un mozo profesor, mobilizado como tenente de patrimonio, fronte ao presidente do tribunal sumarísimo, presidido por un alto oficial ou un xefe militar? de que servirían as declaracións de Filgueira, ao contrario retorceríase todo e aparecería Filgueira como condenador ou no peor dos casos teriamos dúas víctimas, Bóveda e Filgueira. Como tamén nos confesaba Fraguas, Filgueira non foi traidor do galeguismo nunca. Sabemos que traballou a reo con Bóveda para fundar e poñer en marcha o Partido Galeguista.
FILGUEIRA ALCALDE
Filgueira chega á alcaldía de Pontevedra animado e baixo a petición dalgunhas amizades, un dos que o aconsellou a tomar tal decisión foi o seu mestre e amigo, Francisco Javier Sánchez Cantón, un pontevedrés de pro (era o máis firme apoio de Filgueira en Madrid). Segundo manifestacións de D. Antón Fraguas, Filgueira foi un bo alcalde, a pesares dos momentos de precariedade e miseria de todo tipo que vivía o país. Hai que subliñar que o Gobernador Civil daquela en Pontevedra, que ademais era ex alumno de Filgueira opúñase ao seu nomeamento como alcalde da cidade. E o foi desde 1959 a 1968, o día que tomou posesión, pola tarde asistiu en Cambados ao enterro do vate, Ramón Cabanillas, gloria das nosas letras.
No seu tempo na alcaldía, entre outras moitas cousas, algunhas xa sinaladas por outro colaborador deste xornal dixital, atópanse:
-
A recuperación e resecación das marismas do Lérez (onde hoxe se atopa o campus universitario e a zona educativa de Pontevedra con garderías, colexios, institutos, a Escola de Idiomas, facultades, instalacións deportivas e lúdicas, etc.).
-
Urbanización da Avenida de Buenos Aires e construcción alí da nova Normal de mestras e mestres.
-
Construccións escolares e apoio ás escolas (dotación de materiais e de recursos).
-
Apoio a entidades e clubs deportivos, construcción e mellora de instalacións deportivas, xestións para o deseño e construcción do pavillón de Deportes. Constatar o respaldo de Filgueira ao Club de Fútbol Pontevedra, que neses anos sube por primeira vez á División de Honra do fútbol español.
-
Máxima protección do patrimonio histórico e da zona monumental.
-
Apertura de novas rúas, saneamento, alcantarillado e mellora nas rúas da cidade e do rural...
Como dicía Alonso Montero, Filgueira non foi nunca tecnicamente un franquista e para comprobación de elo está o xogo de palabras na redacción do famoso bando de recibimento do caudillo, nunha das súas visitas a Pontevedra, eludindo valoracións e opinións directas, utilizando a segunda persoa do plural. Todo un curioso exercicio lingüístico para saír do momento.
CELULOSAS
A súa instalación e consolidación era unha decisión gubernamental, do famoso Instituto Nacional de Industria (INI), do Gobernador Civil, aquí o alcalde de Pontevedra pouco pintaba, eran as instancias superiores as que decidían, o Concello era un invitado de pedra, por non ter nin tiña licencia municipal. Hai numerosos escritos, actas municipais da época de Filgueira en repulsa cara Celulosas; así como todo un movemento social en contra que foi duramente reprimido. Están aí as actas e documentos municipais para consultalos no arquivo, sobre esto xa teño escrito no Diario de Pontevedra, o 14 de agosto de 2005, p. 24. (No libro de actas nº 28 e na Sesión Extraordinaria do Pleno Municipal do 11 de agosto de 1965 e anteriormente na Sesión Ordinaria de dito Pleno con data de 28 de maio de 1965, atópanse datos e palabras moi reveladoras.
Penso que os que traen a colación estes temas para prexudicar a Filgueira e desautorizar á RAG pola súa decisión e para impoñer os seus criterios están trabucados, desinformados ou obran de mala fe. Ademais se estamos agora nunha situación democrática caben todas as ideas e argumentos, tanto conservadores como progresistas. O tempo da "longa noite de pedra", penso que debe estar superado.