Ana López
Permisividade cero
Se hai unha manifestación terrible da violencia de xénero esa é a que conleva danos aos nenos, a eses fillos inocentes de parellas rotas.
Eses rapaces que aínda están a asumir o porqué da disolución da súa familia e aos que o seu pouco entendemento convirte cada día separados das súas nais ou pais nun mundo, son unhas veces vítimas de maltrato psicolóxico e outras do físico.
No peor dos casos, como tristemente coñecemos esta semana, son sacrificados por unha persoa que mal leva o título de seu pai.
Ese odio, esa sede de vinganza tan monstruosa que nunca chega a entrar no raciocinio da xente normal, impactou contra nós con forza nos titulares e textos de noticias que non somos capaces de rematar, porque o nudo que se nos forma na gorxa e a rabia que nos xeneran son demasiado grandes como para comprender absolutamente nada do comportamento alleo, desa saña desmedida dun home coas súas fillas.
Non hai proceso algún que nos permita poñernos na pel dun parricida, porque os nosos miolos nunca estarán preparados para o máis doloroso dos crimes. Dixerir isto é imposible.
Pero tamén a alma se nos queda curta para sentir nin tan sequera un pouquiño da inmensa desolación desa nai, que non foi golpeada pola vida, non, senón pola súa ex parella, que ten un nome e uns apelidos concretos. Non hai pena máxima que cure nunca ese baleiro.
Se a sociedade xa non admite este tipo de sucesos, se sofre á súa maneira cando os coñece, tamén a Xustiza debería aplicarse con toda a dureza do mundo. E se hai que cambiar o Código Penal se cambia, que por motivos bastante menos xustificados se teñen mudado leis.
Coa violencia doméstica, permisividade cero; e, así e todo, quedaremos curtos.