Ana López
A gran retirada
Hai unha cuestión fundamental que diferenza aos ricos do resto da xente. E non pode ser outra que ese apego desmedido polos cartos, unha cualidade que os levou a estar onde están mentres os demais, máis ou menos pobres segundo os tratara a vida, saen adiante co que eles considerarían unha miseria.
A miña asesora do banco, que aínda que soe moi importante non é máis que unha empregada á que lle foi asignada a miña conta, dicíame nunha ocasión cun medio sorriso que unha cantidade dun euro dunha determinada comisión non era "nada". Pero eu botei as miñas contas da avoa e saiume que cunhas cantas comisións como a miña un señor recadaría en pouco tempo un millón pola cara. E cabreeime moito, e, por suposto, fixen o trámite necesario para que ese euro e pico quedase nuns poucos céntimos, inevitables.
O das comisións bancarias é unha historia. Pero hai moitas máis, a da potencia da luz contratada moi por riba do noso nivel de consumo, a dun seguro de fogar que duplica coberturas que xa pagamos no da comunidade de veciños ou a da estación de servizo que nos obriga a poñer uns guantes ante o surtidor porque a uns empresarios lles deu por reducir persoal á nosa costa.
Por cada "non é nada" noso, un tipo compra un coche deportivo, unha mansión ou engorda a súa conta nun paraíso fiscal. Porque é así, se nós non valoramos a centésima parte dos nosos aforros, xa haberá quen o faga.
Que un señor se retire cobrando o resto da súa vida case 5.000 euros ao día por ter sido un alto cargo dun gran banco nacional xa nos pode dar unha idea de como está todo perfectamente calculado. É o resultado dun sistema enfermo que conta co beneplácito do poder e que insulta ao cidadán con cifras obscenas.
Só espero que ninguén máis me veña dicir que unha comisión de mantemento, dunha tarxeta, de cancelación ou do que sexa non é "nada". E cando digo ninguén, refírome, claro está, a ninguén dos nosos. Porque de verdade que me dá moita pena. Sempre que poida, aportarei o meu gran para evitar que uns poucos leven unha vidorra á miña conta. É difícil si, pero non imposible.