Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora
Lourizán considera escandaloso o proxecto de saneamento do río Lameira
Desde a Plataforma Non Á Ampliación de Lourizán consideramos un atentado ao medioambiente e ao sentido común o novo proxecto de "Saneamento do Río Lameira" que a Xunta de Galicia pretende levar a cabo en colaboración co Concello de Marín, concretamente no tramo urbano, onde vai enterrado.
Na actualidade sábemos que foi un erro enterrar os ríos nas cidades. Sábemos tamén que foi un erro meter a rede de saneamento polo cauce dos ríos. E xa non lle pedimos ao Concello de Marín, que proceda a desenterrar o río como xa se está a facer noutras cidades. Pero o que si lle esiximos á Xunta é que separe as augas pluvias do Río Lameira da rede de saneamento: realizando un proxecto no que as augas pluviais non entren na rede ou ben, se é necesario, cambiando o trazado da rede, para que non pase polo río.
A Consellería Infraestruturas e Mobilidade vén de anunciar que "a actuación inclúe a xestión das augas pluviais do sistema unitario da cunca do río Lameira, en tempo de chuvia, coa construción dun elemento regulador dos caudais enviados augas abaixo que, bombeados en dúas etapas, terminan finalmente na depuradora. Os traballos tamén recollen a mellora da estación de bombeo do río, situada no punto baixo do sistema de saneamento e que presenta actualmente deficiencias, tanto hidráulicas que orixinan frecuentes alivios ao medio, como de explotación pola ausencia de equipos para a xestión eficiente". Estas declaracións parécennos especialmente graves. E non porque recoñezan algo que fai tempo que intuiamos pero que agora se demostra como unha realidade moito peor e que a Xunta negou todos estes anos: sabiamos que este era un dos tramos máis problemáticos de toda a rede de saneamento pola entrada das augas pluviais, causante en gran medida do mal funcionamento da EDAR, e que a estación de bombeo causaba frecuentes alivios ao medio. O que non imaxinabamos é que todo o Río Lameira está metido dentro da rede de saneamento e que non desemboca no seu lugar natural: desemboca na EDAR dos Praceres.
Se moi grave nos parece isto, a solución que propón a Xunta parécenos escandalosa. A Xunta non pretende solucionar isto da maneira que indica o sentido común: sacar o río Lameira da rede de saneamento, separando as augas pluviais das augas residuais. A Xunta propón medidas para regular os caudais do río para que "bombeados en 2 etapas, terminen na depuradora". É dicir, pretende perpetuar este atentado medioambiental, que supón meter un río na rede de saneamento: "Todo o mundo sabía onde desembocaba antigamente o Río Lameira. Acabamos de enterarnos que agora o río Lameira desemboca na EDAR dos Praceres".
Por todo isto, facemos un chamamento a todos os partidos políticos e ás asociacións ecoloxistas para que deteñan este proxecto que supón unha aberración desde o punto de vista medioambiental.
E por outro lado, tamén reclamamos unha vez máis a dimisión de Ethel Vázquez. Consideramos que é mais necesario que nunca que o responsable político teña visión de futuro para poder corrixir os problemas do saneamento de Galicia con acerto e precisión e non comprometa as xeracións posteriores. Vázquez ten demostrado que a súa política se basa "en matar moscas a cañonazos". E non nos cabe dúbida de que se hai metido un río enteiro na EDAR dos Praceres, dentro de 2 anos dirá que non queda outra que ampliar a depuradora.
PLATAFORMA VECIÑAL DE LOURIZÁN NON Á AMPLIACIÓN