Gonzalo Sancho
Tirar a auga
A auga é o principio de todas as cousas. (Tales de Mileto)
Baleirar os encoros galegos por especulación económia, de xeito deliberado, paréceme un dos crimes medioambientáis máis graves do momento. Pronto será pasado e esquecemento.
O silencio social, a falta masiva de repulsa a este feito; unha mágoa. O desfalecemento das autoridades competentes, seméllame prevaricación. Outro crime. Se hai seca nos vindeiros meses e a auga non chega a todas as casas; ao millor movémonos. A auga sempre busca saida, decía un fontaneiro.
Cando eu era neno e incluso máis tarde, no meu Marín da alma, que cantaba Ruada, ao chegar o verán cortaban a auga ao mediodía. Non había suficiente e tiñan que pechar o suministro para que recuperaran os depósitos. Antes da hora do corte enchíanse bañeiras, tinas, caldeiros, olas e outros recipientes para dispoñer de auga ata que volvese o suministro. - Xa volveu a auga- decía o primeiro en escoitar o seu fluxo polas tuberías.
Toda a auga sobrante que fora engarrafada, tirábase polos desaugadoiros. Algo me dice que en moitas casas era máis a auga tirada que a consumida. Así un día tras outro. Hoxe a auga chega con fluidez e depurada a todas as casas nas catro estación do ano. Felizmente é así, incluso cando non chove. Esto era outro crime, anque pensemos que o ciclo da auga continúa. Poderíase decir que fumos educados daquela maneira. É obvio que incluso sendo neno aquelo non cadraba no meolo do maís afastado do entendemento.
Compañías eléctricas. Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Consellería de Medio ambiente. Ministerio de Medio ambiente (anque agora o chamen con outro nome). Fiscalía de Medio ambiente. Axencia Europea do Medio ambiente.
50.000 Euros de Sanción a Naturgy e Iberdrola por baleirar os encoros; unha gota de auga no "azul". Pobre Eleuterio Sánchez... por unhas galiñas. O Lute fora xulgado por raposos.
En tempos da dictadura, en moitos concellos galegos, o aparellador municipal aconsellaba deste xeito: -Tí non podes votarlle un piso máis a casa. Vaino facendo. Nos imos poñerche unha multa de 100.000 pesetas pero a casa revalorízase dabondo- . Daquelas augas dictatoriais quedaron estos lodos democráticos. Así sube o precio da corrente eléctrica; a velocidade da luz.
Estas empresas son as que teñen cartos para anunciarse o día do Medio Ambiente, como sostibles, ecolóxicas, verdes e máis boiñas cas Irmáns da Caridade.
Albíscase que haberá guerras no mundo por falta de auga. Nalgúns paises xa as hai.
Que tipo de depredadores xulgan estos feitos?. Virus virófagos, posiblemente