Gonzalo Sancho
Lérez verde en venres trece e un gato negro
Chamóume un amigo que fai moito o paseo de Monteporreiro a Bora pola senda do Lérez, para avisarme de que o río baixaba dunha cor verde que el nunca vira en tantos anos de ruta. Unha rareza.
Indicóume que xa chamara ao teléfono 112.
Collín a miña cámara de fotos. Fun ata a estación de bombeo de Monte Porreiro. Cheguei, vin e saín derrotado. Esa cor tampouco a vira eu nunca nos nosos ríos. Chamei ao 112 e pouco despois recibín resposta do servicio de emerxencias agradecendo a chamada e advertindo que xa foran ata o río para coller mostras e demáis pormenores do seu protocolo de actuación.
Mentres facía fotografías, unha veciña que cruzaba a ponte por riba do tubo de captación de auga, comentóume que ela era do outro lado do río e que viña a diario polo lugar. Vira moitas veces o Lérez lodado nas enchentes, máis nunca desa cor.
Sobre o que puido ser, todo serán especulacións pola miña parte. Os laboratorios son como o algodón: non enganan.
Uha idea demasiado compasiva para min, me suxire que un vertido contaminante que ocupa tanto espazo e tempo no río, non debería ser. A outra banda do meu hemisferio cerebral (a mala ) me indica que o ser humano ten capacidade para esto e moito máis. Si, é posible.
Agradecer que un camiñante habitual, apaixonado e fervente deste paseo tivera a sensibilidade de chamar, de facer algo e non mirar para outro lado (o teléfono 112 é gratuito )
Para os de Vaipolorio o Lérez, o Gafos, o Miño, o Nilo, o río da Plata e todolos demáis son auga doce. Esa abondosa auga doce que agora aos galegos nos fai vivir como as ras, case enchoupados, respirando humidade (Unamuno, do seu poema "Galicia"), pero cando falte virán as liortas.
Cando de volta deixaba o lugar, un gato negro cruzou por diante de min de dereita a esquerda. Non creo que fora el o causante desta cor verde.