Héctor Santaló
A ira
O pasado xoves, o Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores deu unha rolda de prensa na que falou, acaloradamente, do conflito que o persoal municipal vén mantendo dende hai case un lustro, na que afirmaba que non ía a ceder á presión, por intensa e persistente que esta fose.
Chamoume a atención que empregase o termo "encuberta" ao referirse á suba salarial que se derivaría da implantación do estudo de 2019, xa que esa suba sempre foi unha das principais reivindicacións.
Desconcertoume que a chamase "ilegal" cando todas as reivindicacións se basean nunha proposta realizada por un ex-concelleiro que ademais é avogado especializado en dereito laboral.
Sorprendeume tamén a cifra de 3 millóns de euros, na que o edil valorou o importe das reivindicacións laborais e que ninguén sabe de onde saca, cantidade moi apetecible, sen dúbida, pero que duplica o que reclaman os sindicatos.
Non paga a pena rebater todos os datos falsos ou imprecisos que se facilitaron. As reivindicacións do persoal están extensamente documentadas e poden ser contrastadas con facilidade. Ademais, as declaracións do Sr. Alcalde non gardan relación co conflito nin coa política de persoal, senón coa perda.
Por definición, calquera perda relevante provoca un duelo. Aínda que adoita a relacionarse coa morte, pode estar vinculado outros tipos de perdas, como por exemplo unha derrota electoral. Tras sufrir unha perda comeza o proceso psicolóxico de duelo, que comprende 5 estadios: negación, ira, negociación, depresión e aceptación.
O resultado das eleccións do pasado maio, malia que permitiron ao Sr. Lores revalidar a alcaldía, supuxo unha derrota da que se derivou unha situación moito máis feble da que gozou en mandatos anteriores.
A esta derrota electoral a seguiu a fase de negación que se estendeu ao longo de todo o verán, o bo tempo, as series mundiais de tríatlon, a feira franca... todo parecía avanzar con "vento en popa" coma se nada.
Porén "a volta ao cole" resultou dura. Tras cinco meses de aparente normalidade deuse de morros co que significa gobernar en minoría: proxectos que non saen, expedientes que non avanzan, votacións que se perden... todo isto aliñado coas críticas da oposición e as protestas de traballadores e colectivos cidadáns.
A rolda de prensa foi unha exhibición da segunda fase do duelo: a ira. Ira proxectada inxustamente contra o persoal municipal, desvelando así que, probablemente, a estratexia de comunicación do grupo municipal do BNG nos vindeiros meses vai consistir en botar a culpa da súa mala xestión ao conflito cos traballadores. Alá eles.
As declaracións do Alcalde resultaron dolorosas a moitos compañeiros e compañeiras que dan o mellor de si, alén do seu deber, para que os servizos público acaden unha calidade que a administración por si soa non pode outorgar. A todos eles e a todas elas lles pido que teñan paciencia e non perdan a esperanza, a fase do duelo que segue á ira é a negociación, e aínda que non cedan á presión si que o farán, finalmente, ante a razón.