Xermán Torres
Mentira
Xa vai uns poucos anos asistín a un cursiño na Universidade de Vigo: Un mundo desigual: Retos y Perspectivas, do que saín moi desacougado e triste. Reafirmeime na idea de que este mundo é un mundo da mentira, da aparencia. As cousas non son como queren facernos ver que son. Como di o refrán: Non sabemos da misa nin a metade. Dinme conta cando estudiaba etimoloxía, que mesmo a palabra persoa, personaxe ten a súa orixe nunha palabra clásica grega que significaba máscara. No teatro clásico grego os actores representaban os seus personaxes cubrindo a súa faciana cunha máscara. Todos individualmente levamos posta a nosa máscara, que oculta a nosa verdadeira personalidade, sempre creamos e representamos o noso papel para presentármonos diante dos demais como queremos que nos recoñezan. Todo mentira, todo aparencia. E se eso pasa a nivel individual, que non pasará a nivel social! Todo se mide en clave de poder, de diñeiro: "Poderoso caballero es don dinero". Grandes grupos de poder e de presión manexan o mundo, os poderosos viven nun mundo propio, paralelo, moi diferente do común dos mortais. Pero, desde que o mundo é mundo sempre foi así, dificilmente poderá cambiar mentres non cambien as persoas, se queres cambiar o mundo, empeza por cambiar ti. Oxalá nos vaiamos sacando as máscaras, sendo máis auténticos, máis sinceros, máis honestos con nós mesmos e cos demais.
Méntennos as persoas, as institucións. Ás veces máis vale non saber a verdade, quedariamos moi decepcionados. Tamén lémbrome dun aforismo clásico: A política é a arte da mentira. Sabemos incluso que os tratados internacionais e as resolucións da ONU están irremisiblemente para non ser cumpridos. Social e politicamente tamén deberamos desprendernos das máscaras, buscando autenticidade e resolvendo realmente os problemas e dificultades da nosa sociedade, non para saír nunha foto, que esconde e solapa a realidade, menos propaganda, menos demagoxia. Que o fin non sexa acadar o poder e manterse ou perpetuarse nel. Será posible algún día?
Ao final quizais, todo é soño, ilusión; e xa se sabe, os soños, soños son.