Varios campos da provincia pasarán esta semana a inspección da Real Federación Española de Fútbol para ser sede da Copa de Campións da División de Honra Xuvenil.
Así o recoñeceu o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, ao seu paso polo programa La Trastienda de PontevedraViva Radio, no que repasou a actualidade do fútbol autonómico, a súa xestión á fronte da federación e os seus plans para os próximos anos.
Entre outros asuntos Louzán desvelou que o Estadio do Couto, en Ourense, será sede das semifinais e a final da Copa de Campións, que reune aos sete campións dos diferentes grupos da División de Honra Xuvenil e ao mellor segundo nun torneo eliminatorio.
A pesar desta elección, a idea da Federación Galega é achegar a competición á comarca de Pontevedra e que os cuartos de final se disputen "entre Pontevedra e O Salnés", recoñeceu Louzán. Por iso campos como o de Baltar en Portonovo ou o Salvador Otero da Illa de Arousa recibirán esta semana a visita de técnicos da Federación Española para coñecer as súas instalacións. Nesta terna estarían tamén estadios como o da Senra en Ribadumia ou mesmo A Lomba en Vilagarcía.
O que si está decidido é que os equipos participantes, que a día de hoxe serían Barcelona, Real Madrid, Osasuna, Las Palmas, Celta de Vigo, Málaga, Villareal e Sevilla, se aloxen durante a primeira metade da semana en hoteis Sanxenxo e a Illa da Toxa, para desprazarse a Ourense unha vez decidido quen xogará as semifinais.
"Este tipo de fútbol debe ser visto en campo de herba natural", explicou Rafael Louzán, polo que nos estadios que resulten escollidos realizaranse traballos previos para mellorar o céspede. "Temos unha empresa preparada para que os campos estean en perfecto estado e poder disfrutar dese magnífico nivel de xogadores", explicou.
A Copa de Campións en idade xuvenil celebrarase durante a primeira semana do mes de maio e todos os partidos serán retransmitidos en directo polo canle Gol TV.