En 2018 Huawei foi líder de vendas de teléfonos móbiles en España. No panorama mundial pasa a segundo lugar tras Samsung. No último exercicio estímase que vendera algo máis de douscentos millóns de terminais no mundo. Por iso, non serán poucos os que tras coñecerse que Google aplicará o veto do Goberno de Trump á multinacional chinesa, pregúntense Que vai pasar a partir de agora co meu móbil Huawei?.
Poderán dispoñer das aplicacións?, actualizalas?, seguirá funcionando o sistema operativo Android?, usar a súa conta de gmail? perderán a súa seguridade?. Juan Montes é empresario do sector da telefonía móbil e durante a charla no Cara a cara reitera unha mensaxe: "todos os usuarios que a día de hoxe teñen estes dispositivos de Huawei poden estar tranquilos porque tanto Huawei como Google van dar servizo aos actuais clientes". Outra cousa diferente "é cos novos terminais que fabrique Huawei e que dependerá doutras cousas", engade.
Este movemento de Estados Unidos se contextualiza, entre outras causas, nunha guerra comercial polo dominio da información ante a chegada da tecnoloxía 5 G, o que se veu a chamar 'o internet das cousas'. Un futuro, practicamente inmediato, para o que Europa fixera a súa aposta "conxuntamente cos chineses".
Se alguén se pregunta se este órdago norteamericano terá repercusións económicas para os usuarios, Montes descarta en PontevedraViva Radio que se poida producir "un encarecemento xeneralizado do prezos dos teléfonos móbiles".