Persoal do Diario de Pontevedra concéntrase ante o temor dun plan de recortes despois de catro despidos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O despedimento de catro traballadores do Diario de Pontevedra durante as últimas semanas provocou que o persoal se concentrara este luns 4 de decembro no cruzamento entre Rúa Lepanto, onde se atopa a sede do xornal, e Benito Corbal, nas proximidades do edificio azul da Xunta.
Serafín Alonso, portavoz do comité de empresa, manifestaba que a empresa aduce causas económicas para xustificar os despedimentos pero os representantes sindicais están en desacordo con esta opción ao comprobar que se están externalizando os traballos que realizaban as persoas despedidas, dúas delas do departamento de distribución, ademais de dúas redactoras.
"Volvemos á rúa contra a nosa vontade", indicaba o representante do persoal despois de que hai un ano se manifestasen reclamando un convenio digno. Alegan que a empresa carece de vontade de diálogo e de alcanzar acordos e que, ademais, estes despedimentos sorprenderon a todo o plantel.
Desde o comité temen que esta situación volva repetirse nos próximos meses. "Eu creo que este é o inicio dun plan de recortes e de adelgazamento de persoal que vai continuar nun futuro", explica Serafín Alonso, ao lembrar que a empresa estaba formada por máis de setenta traballadores hai unha década e agora só quedan 42. "Este é un proceso que cremos que vai continuar porque están externalizando traballo que até agora estabamos a sumir os compañeiros de oficinas, de redacción ou de distribución", engade.
Unha das empresas que está a asumir parte do traballo que realizaba a xente do Diario de Pontevedra é Disgasa, pertencente a La Voz de Galicia. O comité de empresa foi advertido desta externalización por medio de compañeiros de La Voz de Galicia e non por parte da dirección do Diario de Pontevedra. "Denota moi mala fe por parte da empresa á hora de chegar a algún tipo de acordo", expón Alonso.
Os representantes sindicais insisten en que a empresa é viable porque se está a externalizar o traballo. Antes de que se produciran os despedimentos, o comité e a empresa permanecían inmersos na negociación dun convenio colectivo, que quedou paralizada en xuño. "Por parte da empresa non se ve ningunha vontade de arranxar conflitos", argumenta o portavoz.
"Se isto non se soluciona ou non se lle dá un viso de normalidade, de estabilidade e de futuro teremos que manter as mobilizacións", manifesta Serafín Alonso. Por este motivo, indican que esta concentración é a primeira dun calendario de accións no caso de que a empresa non busque diálogo nas próximas semanas.
Relacionadas:
-
O persoal do Diario de Pontevedra protestará na rúa contra os últimos despidos
Por Redacción |
-
Os traballadores do Diario de Pontevedra seguen en loita para reclamar un convenio xusto
Por Redacción |
-
O persoal do Diario de Pontevedra maniféstase polas rúas da cidade
Por Redacción |
-
Persoal do Diario de Pontevedra mobilízase para reclamar un convenio colectivo digno con salarios xustos
Por Mónica Patxot & Redacción |