Un incendio deixa sen fogar unha familia de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Unha familia do Carballal, en Cerdedo-Cotobade, quedou sen casa durante esta madrugada despois de declararse un incendio no seu interior.
Segundo os datos facilitados polo 112, o lume foi declarado ao redor das 20:00 horas deste venres, calcinou a metade da vivenda e mesmo provocou que colapsase o tellado. Afortunadamente ninguén resultou ferido.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, manifestou na súa conta de facebook: "Esta noite vivimos un grave suceso no noso concello. A unha família de Corredoira, a de José e Iria Riveiro, ardeulles a súa vivenda, quedando totalmente calcinada. Ademais da súa vivenda, perderon todos os seus enseres. Non van a estar sós, van a sentir o apoio e a solidaridade do noso pobo, porque eles tamén son moi boas persoas. Dende este momento poñémonos man á obra para que Cerdedo-Cotobade volva a estar á altura, unha vez máis. Teñen que reconstruir a súa vida, mais por sorte non lles pasou nada, pero comezan de cero. Esta semama traballaremos para organizar cómo lles podemos axudar, concello e veciños".
Tamén o voceiro do grupo municipal do BNG, Ernesto Filgueira trasladou "o noso apoio á familia Riveiro, significados compañeiros e amigos" e anunciou que "estamos a por en marcha unha rede de axuda, tan urxente coma necesaria nestes intres".
Ademáis, o grupo municipal do BNG xa se puxo a disposición das autoridades municipais "para abordar, o máis axiña posible, propostas que poidan paliar a crise familiar". "Grazas á veciñanza pola súa rápida resposta e pola súa preocupación. Estas son as accións que máis nos unen como sociedade", engadiu Ernesto Filgueira.
No operativo, que se prolongou ata case a media noite, interviñeron os GES da Estrada, axentes do Distrito Forestal da zona, recursos do Concello, voluntarios de Protección Civil da localidade e Garda Civil. Desde o 112 Galicia informaron tamén os Bombeiros de Pontevedra.
A este incendio hai que engadir outros sete rexistrados en Galicia nas últimas horas e cuxo denominador común son as potas, cabichas e chemineas.
Neste sentido, desde o 112 explicaron que os de maior magnitude foron o do Carballal (Cerdedo-Cotobade), Coira (Allariz) e San Xurxo de Vea (A Estrada), mentres que en Chantada, Arbo e Cangas os sinistros ocorreron durante a madrugada e sorprenderon aos veciños mentres durmían.
Por último destacan os de Cartelle e Muros, nos que o inicio dos lumes centrouse nas chemineas. Ao contrario dos casos anteriores, en Muros foi necesaria a asistencia médica para unha muller que presentaba algún síntoma por inhalación de fume. Ela mesma, acompañada por un familiar, acudiu ao centro de saúde.
Relacionadas:
-
Organizan un taller de defensa persoal en favor da familia de Corredoira que perdeu a súa vivenda nun incendio
Por Redacción |
-
Arde en Salcedo unha casa de madeira rehabilitada recentemente
Por Redacción |
-
Un incendio dentro dun garaxe obriga a cortar Cruz Gallástegui e desaloxar parte dun edificio
Por Diego Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Un ferido no incendio dunha casa prefabricada en Mogor
Por Redacción |