Un incendio dentro dun garaxe obriga a cortar Cruz Gallástegui e desaloxar parte dun edificio
Por Diego Espiño & Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un incendio iniciado pouco antes das nove da mañá deste martes obrigou a desaloxar un garaxe e parte dun edificio da rúa Cruz Gallástegui e a cortar o tráfico na citada rúa.
O lume declarouse no interior dun garaxe, nunha furgoneta dun negocio situado nas inmediacións que estaba aparcada no primeiro soto. Dado que o vehículo estaba estacionado nunha zona na que non había máis coches, o lume non se estendeu e os danos materiais limitáronse a esa única furgoneta.
O incendio causou gran alerta na zona porque empezou a saír unha cantidade moi importante de fume negro cara á rúa. Ademais, empezaron a escoitarse deflagracións das rodas do vehículo.
Deseguido foron mobilizados os Bombeiros de Pontevedra, así que como as policías Local e Nacional e Protección Civil.
O garaxe afectado pertence a un edificio con entradas desde a rúa Cruz Gallástegui e tamén a Benito Corbal, pero a furgoneta estaba estacionada na zona máis próxima a Cruz Gallástegui, de modo que o fume saía cara a esta rúa.
Esta circunstancia levou á Policía Local a pechar ao tráfico esta rúa por prevención e para garantir as tarefas de extinción.
Así mesmo, por precaución, pola nube de fume negro que saía do garaxe, procedeuse a desaloxar unha parte do edificio, aínda que unha hora despois os veciños puideron regresar ás súas casas.
O garaxe permanecerá pechado ata que os bombeiros logren garantir que o aire está en condicións adecuadas e a Policía Científica da Policía Nacional poida acceder ao seu interior para investigar o ocorrido.
Vicente Ferrería, xefe dos Bombeiros de Pontevedra, indicaba que, grazas a cámara térmica, conseguiron localizar rápido o foco do lume A continuación, empregaron unha liña de 45 para a extinción nunha intervención que se realizou con "axilidade".
O responsable do Parque de Bombeiros indicou que "non había vehículos pegados e no interior non se atopaba ningunha persoa, o que tería complicado a intervención". Sinalou tamén que houbo que estudar o fluxo do aire para ventilar o espazo ao tratarse dun garaxe con dúas entradas.
Relacionadas:
-
Un incendio deixa sen fogar unha familia de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Dous minis impactan e un dos vehículos remata incendiado na avenida de Marín
Por Redacción |
-
Representantes sindicais dos Bombeiros de Pontevedra insisten na demanda de máis persoal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A colaboración cidadá permite deter dous agresores machistas en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Un dron que alcanzará os 45 metros de altura vai incorporarse ao parque de bombeiros en primavera
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |