Marín estrea o seu centro de día, do que xa gozan unha vintena de maiores
Por Redacción
Vinte persoas maiores utilizan xa o recentemente estreado centro de día de Marín, un equipamento que se habilitou no primeiro andar da antiga Casa do Mar.
Na súa inauguración oficial, que se celebrou este mércores, participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García, e pola alcaldesa de Marín, María Ramallo.
Abrir este centro de día supuxo un investimento de 350.000 euros, dos que o 60% foron achegados polo goberno galego e o resto foi asumido polo Concello.
O centro, que ten a posibilidade de ampliar a súa capacidade ata as 40 prazas, conta con salas de usos múltiples, zona de rehabilitación, área de ocio, cociña, lavandería, despachos e baños.
Será a UTE Raiola Riazor a empresa que xestionará estas instalacións.
Durante a súa visita, Rueda, que quixo saudar os seus usuarios e usuarias, destacou o papel que este tipo de centros xogan para evitar o illamento dos maiores, mellorar a súa autoestima e reducir a carga de traballo das familias e coidadores.
"É un servizo fantástico e canto máis se coñece máis se utiliza polo ben que está a xente aquí coidada, o desafogo que é para moitas familias e tamén para as persoas usuarias estar en compañía doutras persoas durante moitas horas do día", asegurou o presidente.
Relacionadas:
-
O centro de saúde de Marín sumou un psicólogo clínico ao seu persoal no mes de xaneiro
Por Redacción |
-
Marín e o milagre dos pans e os peixes
Por Oskar Viéitez |
-
O centro de día de Marín abrirá as súas portas tras a ponte de decembro
Por Redacción |
-
Preto de 100.000 euros para dotar de mobiliario ao futuro Centro de Día de Marín
Por Redacción |
-
A vella Casa do Mar de Marín comeza a convertirse en centro de día
Por Redacción |