Xa é oficial, Abel Losada é o novo subdelegado do Goberno en Pontevedra
Por Natalia Puga
O vigués Abel Losada xa é oficialmente novo subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fixo oficial este nomeamento este martes 26, despois de que o seu nome levara meses nas quinielas, desde o cese por xubilación de Maica Larriba, e o PSOE xa o confirmara semanas atrás.
O delegado transmitiulle este nomeamento persoalmente nunha reunión este martes na sede da Delegación do Goberno na Coruña e quixo destacar do xa novo subdelegado "a súa longa experiencia política e de xestión pública", en distintos niveis da Administración, tanto autonómico como local.
Tamén sobresae a súa extensa formación en temas relacionados coa economía e a demografía, á que se engade o seu "fondo coñecemento da realidade da provincia de Pontevedra a todos os niveis", tanto a nivel interno como das relacións co resto de provincias galegas e o norte de Portugal.
Pedro Blanco aproveitou para trasladarlle os obxectivos de cara á nova etapa e a esixencia de impulsar os proxectos do Goberno para a provincia.
O delegado amosou a súa satisfacción por esta incorporación e reiterou o recoñecemento ao traballo desenvolvido pola anterior subdelegada, da que destacou que foi un exemplo de profesionalidade e de servizo público á provincia.
Durante estes meses exerceu o cargo de subdelegada en funcións María Isabel Alonso de Linaje Calzada, secretaria xeral da Subdelegación. Tamén a ela quixo agradecerlle o seu traballo.
Nacido en Ourense en 1964, Losada é doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor Titular de Historia e Institucións Económicas, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.
Losada é especialista en demografía, economía da poboación e economía empresarial, área na que publicou numerosos artigos e estudos e na que participou en congresos e seminarios, tanto nacionais como internacionais.
A nivel político, foi deputado no Parlamento de Galicia entre 2005 e 2020, tempo no que ocupou varios cargos parlamentarios; director xeral de Gabinete da Presidencia da Xunta de Galicia nos anos 2008 e 2009; e concelleiro en tres lexislaturas diferentes no Concello de Vigo, cargo que ocupaba na actualidade.
Relacionadas:
-
"A área urbana Vigo-Pontevedra existe, é unha obviedade. A realidade económica, demográfica e funcional está aí"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Subdelegación de Abel Losada, "un antídoto aos negacionismos e un altofalante para a política útil"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Visita de traballo do subdelegado do Goberno ás oficinas de Michelena e Praza de España
Por Redacción |
-
O subdelegado do Goberno visita a Comisaría Provincial da Policía Nacional
Por Redacción |
-
Rafa gañou, pero nada cambiou: Lores, alcalde por sétima vez
Por Alejandro Espiño |
-
O concelleiro socialista vigués Abel Losada, novo subdelegado do Goberno en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
"C'est fini. Au revoir". Maica Larriba pecha a súa etapa na Subdelegación e dá paso en funcións a María Isabel Alonso
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Nin pontevedresa nin muller: Abel Losada soa "moi forte" para substituír a Maica Larriba na Subdelegación do Goberno
Por Natalia Puga |