O ano remata en Vilaboa cargado de obras, valoradas en máis dun millón de euros
Por Redacción
Vilaboa remata o ano 2023 en obras. Segundo a información facilitada polo Concello, hai en marcha actuacións por un valor superior ao millón de euros, entre as que se inclúe a ambiciosa reforma do centro social de O Picho, adxudicada este mes de decembro tras saír a licitación por 643.268 euros.
Nos últimos días adxudicáronse tamén as tarefas de reasfaltado da pista que une Gandarela con Casfalcón, en Figueirido, para reforzar a canalización das pluviais e mellorar un firme que se encontra nun avanzado estado de deterioro (25.374 euros).
As obras recentemente adxudicadas comezarán a executarse despois do descanso da construción durante as datas de Nadal, pero outros traballos están xa en marcha como a ampliación da rede de saneamento en Amproa (Bértola), que rematará co repavimentado do vial e a correspondente sinalización. Estes traballos continúan tamén en Outeiro e Bértola cun investimento conxunto que supera amplamente os 200.000 euros.
Tamén están en marcha a dotación de saneamento e reasfaltado de varias pistas en Bértola, Figueirido e Santa Cristina; o levantamento de muros que facilitan gañar espazos públicos na Lufiña; ou a construción dun pontón en Sabaxáns para evitar que o caudal dun regato poña en risco o tráfico rodado nunha estrada local e facilite o tránsito da auga por debaixo do vial.
No lugar de Acuña, en Santa Cristina, están en marcha diversas obras de saneamento e reasfaltado de pistas interiores, nas que os proxectos inclúen canalizar as augas pluviais cara regatos próximos evitando a súa erosión sobre o asfalto, con humanización do entorno, por un importe de 283.917 euros. Tamén está en marcha o reasfaltado da pista de Outeiro a Santa Cristina por 49.327 euros.
No lugar de Lufiña a construción dun muro de contención permite ao Concello a recuperación dun espazo público seguro coa humanización dun entorno que se completará coa instalación dunha varanda e unha bancada perimetral. Nesta mesma parroquia o Concello acaba de adxudicar o saneamento e reasfaltado da pista da Cardiña por un importe de 149.197 euros.
Ás obras xa mencionadas hai que engadir a senda peonil á igrexa de Figueirido, coa realización de muros de contención e canalización das augas pluviais ata a súa chegada ao cemiterio, onde remata co adoquinado de todo o entorno convertendo a área na que está o cruceiro nunha praza ou punto de encontro con prioridade peonil.
O alcalde, César Poza, explica que a obra "aparentemente máis ambiciosa" é a construción dun centro para o día a día da terceira idade no Picho, pero para mellorar a vida cotiá da poboación das parroquias resultan básicas as actuacións para a dotación de saneamento e a canalización das pluviais.
"Temos en marcha unha profunda transformación de Vilaboa. Sabemos que quedan moitas pistas por asfaltar e moitos lugares que aínda carecen de servizos básicos pero avanzamos porque temos un proxecto moi claro para o noso municipio e non hai tempo que perder", insiste o alcalde.
Relacionadas:
-
Adxudicada por medio millón de euros a rehabilitación do futuro centro social e de maiores do Picho
Por Redacción |
-
O goberno local mobiliza 1.687.824 euros en obras no que leva de mandato
Por Redacción |
-
545.903 euros van destinarse a aumentar a rede de saneamento ao 90% de Vilaboa
Por Redacción |
-
Destinan 42.700 euros á mellora da pista da Lufiña, en Santa Cristina de Cobres
Por Redacción |
-
Vilaboa saca a licitación lotes de obras por máis de 900.000 euros
Por Redacción |