545.903 euros van destinarse a aumentar a rede de saneamento ao 90% de Vilaboa
Por Redacción
O goberno local aprobou en pleno unha modificación de crédito por unha cifra de 545.903 euros, que cubrirán o investimento en varias obras de carácter extraordinario da rede de rede de sumidoiros en diversas parroquias. O Concello asumirá con fondos propios estas obras que non se incluían nos orzamentos prorrateados de 2021, segundo indica o goberno local.
Coa modificación, que se asume con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais, dispoñerase de fondos para licitar a rede de saneamento municipal en Outeiro, na parroquia de Bértola. Tamén se tratarán as memorias valoradas do saneamento no núcleo de Cardiña-Santo Adrián de Cobres e no núcleo de Acuña-Vilaboa.
Césra Poza, alcalde de Vilaboa, afirmou que estas obras permitirán ofrecer este servizo básico ao 90% do territorio municipal. O investimento para Acuña é de 238.917 euros e inclúe dous bombeos para elevar as augas residuais ata a rede xa existente. Estableceranse 25 pozos de rexistro e 16 acometidas que garantirán o saneamento integral do núcleo evitando as verteduras libres.
Unha situación parecida prodúcese en Cadiña, porque parte do núcleo non está conectado á rede de saneamento municipal e, por tanto, realízase un tratamento inadecuado das augas residuais da veciñanza. 50 residentes veranse beneficiados pola proposta de transportar as augas residuais por gravidade ata un novo bombeo que se realizará preto da ponte sobre o Rego do Chan da Goa. Despois elevaranse por gravidade ata a depuradora de Vilaboa. O investimento ascende a 159.803 euros.
Tamén en Amproa, en Bértola, executarase a demolición do pavimento, cunha gabia para instalar o colector do saneamento, achega de base de saburra compactada, execución de pozos de rexistro e pintado de marcas laterais e central de calzada.
Durante o pleno tamén se derrogou a taxa de saneamento, que se establecía en 330 euros para conectarse á rede municipal cunha redacción pouco clara e que nalgún caso, segundo o goberno local, obrigaba ao Concello a asumir a acometida individual con fondos municipais.